TCL desembarca no IFA de Berlín con novos TCL 50 e a tablet TCL NXTPAPER 14

TCL elixiu a feira tecnolóxica IFA de Berlín, que vén de abrir as súas portas, para presentar unha nova gama de produtos destinados a transformar o xeito no que consumimos os contidos dixitais. Entre estes lanzamentos están os smartphones da serie TCL 50 e a tablet TCL NXTPAPER 14, que incorporan a tecnoloxía NXTPAPER 3.0. Esta innovación, desenvolvida por TCL, busca ofrecer unha experiencia de visualización cómoda, segura e inmersiva, reducindo a fatiga ocular e mellorando a adaptabilidade a diferentes condicións de luz.

Esta tecnoloxía NXTPAPER 3.0 está dispoñíbel tanto nos smartphones TCL 50 Pro NXTPAPER 5G como na tablet TCL NXTPAPER 14. Grazas á súa capacidade para axustar a pantalla segundo a iluminación ambiental e minimizar a emisión de luz azul, estes dispositivos están certificados por organismos de recoñecemento internacional como TÜV e Eyesafe. Isto fai que sexan ideais para usos prolongados sen causar molestias visuais, sexa en interiores ou exteriores.

Novos smartphones TCL 50 NXTPAPER

Os smartphones da serie TCL 50 NXTPAPER están deseñados para ofrecer unha experiencia de uso natural e fluída, cunha pantalla FHD+ de 6,8 pulgadas e unha taxa de refresco de 120 Hz. A tecnoloxía NXTPAPER Key facilita a transición ao Modo Max Ink, unha función pensada para as amantes da lectura, xa que converte a pantalla nun formato similar á tinta electrónica, favorecendo longas sesións de lectura sen fatiga ocular.

Ademais, incorporan unha cámara traseira de 108 MP e a frontal de 32 MP, para conseguir fotos e vídeos de alta calidade. Compleméntanse con opcións de almacenamento que chegan até os 512 GB, facendo que sexan ideais para quen desexe gardar unha gran cantidade ed contido sen comprometer o rendemento.

Nova tablet TCL NXTPAPER 14

Pola súa banda, a TCL NXTPAPER 14 destaca pola súa pantalla de 14 pulgadas con resolución 2,8K, pensada para ofrecer a mellor calidade de imaxe en calquera situación. Desde o seu lanzamento no CES 2024, foi recoñecida como unha das tablets máis innovadoras do mercado, ideal para o traballo e o entretemento. A súa pantalla grande e clara permite gozar de contidos cun confort visual excepcional.

Nova TCL TAB 11 Gen 2

Por último, TCL tamén presentou na IFA a súa nova tablet TCL TAB 11 Gen 2, con pantalla de 11 polgadas e tecnoloxía NXTVISION, que mellora a calidade da cor e nitidez, ofrecendo imaxes máis vibrantes. Destaca polo seu deseño ultrafino de 7 mm, e unha relación pantalla – corpo do 85%.

Está equipada cun procesador MediaTek Helio G80, 8000 mAh de capacidade de batería con carga rápida e 256 GB de almacenaxe na memoria interna.

Dispoñibilidade dos novos dispositivos de TCL

Os novos dispositivos de TCL anunciados no IFA de Berlín chegarán ao noso país proximamente, aínda que polo de agora a compañía non confirmou unha data concreta.

O TCL 50 PRO NXTPAPER 5G parte dos 279,99 €, e estará dispoñíbel en gris e azul. Nas mesmas cores, pero cun prezo sensibelmente inferior, atoparemos o TCL 50 NXTPAPER 5G, cun prezo de 229,99 € na versión máis económica. En canto ás tablets, a nova TCL NXTPAPER 14 terá un prezo de partida de 399,99 €, e a TCL TAB 11 Gen 2 de 199,99 €, podéndose mercar ambas as dúas unicamente en gris.

Sobre o autor

Reply