Lenovo anuncia no IFA os novos ThinkPad X1 Gen 13 e Yoga Slim 7i Aura Edition

Levono volveu apostar polo IFA de Berlín para presentar os seus novos portátiles. Nesta ocasión foi a nova gama Aura Edition, resultado dunha estreita colaboración co fabricante de procesadores Intel. Falamos, entre outros, dos novos Lenovo ThinkPad X1 Carbon Gen 13 Aura Edition e o Lenovo Yoga Slim 7i Aura Edition. Ambos os dous modelos están deseñados para mellorar a interacción das usuarias cos seus equipos, integrando funcionalidades e modos intelixentes.

Entre estas novidades destacan os “Smart Modes”. Trátase dun conxunto de funcións que permiten ás usuarias optimizar a súa experiencia de uso, adaptándose ás súas necesidas. Entre eles destacan Escudo, Atención, Colaboración e Benestar.

Escudo activa a protección fronte a intrusións grazas ás funcións de Alerta de Privacidade e Protección de Privacidade. Mentres, Atención permite establecer temporizadores e silenciar notificacións para manter o foco nas tarefas máis importantes.

Mediante o modo Colaboración mellóranase as reunións virtuais, ao optimizar o rendemento de vídeo e activar axustes como o difuminado do fondo. E finalmente, Benestar axuda a mellorar a saúde dixital coas alertas posturais e os recordatorios par afacer pausas.

Ademais destes catro modos, os novos portátiles de Lenovo ofrecen acceso rápido aos modos de consumo, permitindo un equilibrio óptimo entre o rendemento e o consumo enerxético.

Novo Lenovo ThinkPad X1 Carbon Gen 13 Aura Edition

O Lenovo ThinkPad X1 Carbon Gen 13 Aura Edition é un portátil ultralixeiro, que pesa tan só 980 gramos. Das súas especificacións destaca a pantalla OLED de 14’’ con resolución 2.8K (2880 x 1800). Ofrece 400 nits de brillo e compatibilidade con Dolby Vision®, e unha taxa de refresco de 120Hz.

No interior inclúe un procesador Intel Core Ultra 7 de última xeración, até 32 GB de RAM e até 2 GB de memoria SSD. Leva unha gráfica integrada Intel Arc Xe2. E na conectividade destaca a presenza de Wi-Fi 7, Bluetooth 5.4 e opción de conectividade 5G.

Por último, dispón de 2 x Thunderbolt 4, 2 x USB-A 3.2 Gen 1, 1 x HDMI 2.1 e unha toma de auriculares/micrófono A súa batería é de 57 Whr, con opción de substitución polo usuario.

Novo Lenovo Yoga Slim 7i Aura Edition

Pola súa parte, o Yoga Slim 7i Aura Edition destaca por unha pantalla táctil LCD de 15,3’’ e resolución 2.8K, cun brillo de 500 nits e taxa de refresco de 120 Hz. No interior leva un procesador Intel Core Ultra 7 de última xeración e opcións até 32 GB de RAM e até 1 TB de SSD.

Dispón de 2 x Thunderbolt 4, 1 x USB-A 3.2 Gen 1, 1 x HDMI 2.1 e unha toma de auriculares/micrófono. A súa batería é de 70 Whr, o que fai que sexa un dispositivo axeitado para para longas xornadas de traballo. E o seu peso (1,46 gramos) e grosor (13,9 mm) fan del un dispositivo de gran portabilidade.

Dispoñibilidade e prezo dos novos portátiles de Lenovo

O Lenovo ThinkPad X1 Carbon Gen 13 Aura Edition chegará ao mercado en novembro deste 2024, nun principio con dispoñibilidade limitada en países como Reino Unido, Alemaña, Francia, Escandinavia e Suíza. O prezo de saída será de 2.699 euros, impostos á parte.

Pola súa banda, o Lenovo Yoga Slim 7i Aura Edition poderase mercar desde este mesmo mes de setembro de 2024, cun prezo a partir de 1.399 euros.

Sobre o autor

Reply