Bluetooth 6.0: Novidades e melloras do novo estándar de comunicación sen fíos

O Bluetooth é unha tecnoloxía de comunicación sen fíos que leva máis de dúas décadas conectando dispositivos de todo tipo. Teléfonos móbiles, ordenadores, auriculares, coches ou electrodomésticos intelixentes… Co paso dos anos, esta tecnoloxía consolidouse como un estándar imprescindíbel, especialmente na era da Internet das Cousas (IoT). O seu baixo consumo enerxético, a súa versatilidade e a súa capacidade para funcionar en dispositivos de pequeno tamaño fixérono esencial na nosa vida cotiá.

Por iso, malia existir outras tecnoloxías de comunicación sen fíos, o Bluetooth destaca pola súa sinxeleza de uso, a súa compatibilidade entre diferentes trebellos e a mellora continua das súas funcionalidades. E agora, con a chegada do Bluetooth 6.0, entramos nunha nova etapa que promete un salto importante en termos de precisión, seguridade e eficiencia.

Principais novidades de Bluetooth 6.0

A nova versión Bluetooth 6.0, que vén de ser anunciada, trae consigo unha serie de melloras clave que abordan algúns dos retos máis importantes da conectividade sen fíos actual. As súas principais características son as seguintes:

  • Channel Sounding: Unha das melloras máis destacadas é a capacidade de medir con precisión a distancia entre dispositivos conectados mediante un sistema baseado en fases. Isto permitirá localizar dispositivos con maior precisión, sendo especialmente útil para localizacións en interiores.
  • Capa de seguridade adicional: O Bluetooth 6.0 introduce unha nova capa de seguridade que permite, por exemplo, que pechaduras intelixentes só se desbloqueen cando as usuarias están dentro dun rango de distancia específico, evitando accesos non autorizados.
  • Filtrado de publicidade: Mellora o marketing de proximidade ao permitir que os dispositivos escaneen paquetes de datos publicitarios e tomen decisións máis rápidas e eficientes sobre que contido buscar nos canais secundarios.
  • Monitorización de anunciantes: Mellora a eficiencia ao evitar a recepción de paquetes duplicados, optimizando o rendemento de dispositivos como etiquetas electrónicas e dispositivos de seguimento.
  • Capa de adaptación isócrona (ISOAL): Facilita a transmisión de datos de maior tamaño en paquetes máis pequenos, reducindo así a latencia e garantindo que os datos sexan reconstruídos correctamente no dispositivo receptor.
  • Características ampliadas LL: Esta función permite aos dispositivos Bluetooth intercambiar un maior número de características, mellorando a interoperabilidade entre eles.
  • Fram Space: Ofrece unha maior flexibilidade ao deixar de usar un tempo de resposta fixo, axustándose ás necesidades da comunicación entre dispositivos.

Por que segue sendo importante o Bluetooth

Como xa adiantabamos ao comezo do artigo, malia o crecemento de outras tecnoloxías de comunicación sen fíos, o Bluetooth mantense como a opción favorita, especialmente nos dispositivos de baixo consumo. En comparación con Wi-Fi, que consome máis enerxía e é máis complexo de configurar, o Bluetooth destaca pola súa eficiencia e sinxeleza, o que o fai ideal para o uso en dispositivos portátiles como reloxos intelixentes, auriculares ou gadgets domésticos.

O avance da tecnoloxía IoT require cada vez máis dispositivos conectados de maneira eficiente, fiábel e con baixo consumo enerxético, e é aquí onde o Bluetooth 6.0 xoga un papel fundamental. Ademais, a súa integración en produtos de consumo masivo garante unha conectividade global sen importar a marca ou sistema operativo dos dispositivos conectados.

Do 1.0 ao 6.0: a evolución do Bluetooth

A evolución do Bluetooth ao longo dos anos ilustra o crecemento constante desta tecnoloxía. Desde a súa primeira versión en 1999, coa chegada do Bluetooth 1.0, houbo unha mellora continua en termos de velocidade, seguridade e eficiencia enerxética.

A versión Bluetooth 4.0, lanzada en 2010, foi un dos maiores avances, introducindo o Bluetooth Low Energy (BLE), que permitiu reducir significativamente o consumo de batería. Posteriormente, o Bluetooth 5.0 en 2016 duplicou a velocidade de transferencia de datos e cuadriplicou o alcance, converténdose nunha ferramenta esencial para o IoT.

Agora, con Bluetooth 6.0, estamos diante dunha nova revolución que mellora aínda máis a precisión, a capacidade de transmisión de datos e a seguridade.

Dispoñibilidade de Bluetooth 6.0

A nova versión de Bluetooth, Bluetooth 6.0, vén de ser anunciada a semana pasada. Porén, non se ten fixada unha data exacta para a súa implementación en dispositivos comerciais. En calquera caso, espérase que os primeiros aparellos con esta nova versión cheguen ao mercado nos próximos meses, ofrecendo unha conectividade inalámbrica máis avanzada e segura.

Sobre o autor

Reply