Serán os vehículos eléctricos o futuro da mobilidade? Aínda non o sabemos con total certeza, mais moitas pezas chave da industria continúa a traballar nesta liña. Entre eles Samsung. O fabricante presentou no SNE Battery Day de Seúl a súa nova liña de baterías de estado sólido. Un proxecto piloto, pero que xa se atopa en funcionamento, que promete revolucionar os segmento dos vehículos eléctricos.
Carga ultrarrápida e autonomía de 1000 quilómetros
Sen dúbida o titular é a capacidade destas baterías para proporcionar unha autonomía de 1000 quilómetros por carga. Mais tamén que poden recargarse nun tempo récord de tan só 9 minutos, reducindo drasticamente os tempos de espera nos puntos de recarga e a mellora da experiencia das usuarias.
Segundo a compañía, estas baterías teñen tamén unha vida útil de 20 anos, o que representa un incremento significativo en comparación coas baterías de ións de litio actuais. Isto tradúcese nun menor custo para a susuarias de vehículos eléctricos, xa que non necesitarán substituír as baterías tan frecuentemente como coas tecnoloxías actuais.
A súa maior densidade enerxética, de ata 500 Wh/kg, case duplica a das baterías actuais, que ofrecen uns 270 Wh/kg. Este aumento na densidade enerxética significa que os vehículos eléctricos poden duplicar a súa autonomía sen necesidade de incrementar o tamaño ou peso das baterías.
Ademais, as baterías de estado sólido de Samsung destacan tamén por ser máis pequenas e lixeiras que as de ións de litio, o que permite aforrar espazo e reducir o peso nos vehículos. A tecnoloxía de estado sólido substitúe os compoñentes líquidos por sólidos, o que mellora a seguridade ao reducir o risco de incendios ou explosións, un problema ocasional nas baterías convencionais.
De primeiras, para os vehículos máis premium
Todas estas vantaxes anunciadas por Samsung non serán unha realidade para todas. Cando menos, de primeiras. O fabricante admitiu que o alto custo de produción vai limitalas ao segmento de vehículos eléctricos de gama super premium. Estes serán os primeiros en beneficiarse dunha autonomía de 1.000 quilómetros por carga.
Por outra banda, a compañía tamén está a desenvolver baterías de níquel de alta densidade para o segmento premium, co obxectivo de ofrecer un rendemento mellorado sen comprometer a seguridade ou a eficiencia. E par os modelos máis accesíbeis, Samsung prepara baterías de litio ferroso (LFP), libres de cobalto, unha medida que busca reducir custos e ofrecer unha alternativa máis sostíbel. Malia seren máis baratas, estas baterías non sacrificarán rendemento nin durabilidade