Os novos anuncios de Apple: iPhone 16, iPhone 16 Pro e AirPods 4

Tal e como esta previsto, Apple acaba de revelar unha serie de produtos que marcarán o devir da marca no próximo ano. Entre os anuncios do seu evento destacan os novos modelos de iPhone, as series iPhone 16 e iPhone 16 Pro, e a esperada actualización dos seus auriculares, os AirPods 4.

iPhone 16 e iPhone 16 Plus, a gama estándar

Os novos iPhone 16 e iPhone 16 Plus son os novos modelos de partida de Apple. Como é habitual na marca, non houbo demasiadas sorpresas no que ten que ver co deseño, que mantén a liña dos anteriores modelos da compañía. Porén, si que ofrecen melloras en aspectos clave. As principais características desta nova versión son:

  • Pantallas OLED: mantéñense as pantallas de 6,1 e 6,7 polgadsa, con brillo de até 2000 nits e True Tone.
  • Procesador A18: incorporan o novo procesador de Apple, que resulta un 30% máis potente ca o A15 Bionic.
  • Melloras na cámara: contan cun sensor principal de 48 MP e un ultra gran angular de 12 MP.
  • Novo botón de acción: Apple introduciu un novo botón de acción, que substitúe o clásico conmutador de silencio, e que permite personalizar funcións, como abrir a cámara ou activar a lanterna.

Esta gama continúa nos 60 Hz de taxa de refresco, o cal vai en contra da tendencia do mercado nos modelos de gamas similares, nos que os 120 Hz xa se teñen convertido nun estándar.

iPhone 16 Pro e iPhone 16 Pro Max, a gama premium

Pola súa banda, os modelos iPhone 16 Pro e iPhone 16 Pro Max supoñen un nivel superior, incluíndo un chip A18 Pro e un botón de control de cámara cos que Apple aspira a mellorar a experiencia das usuarias. Entre as súas características destacadas temos:

  • Pantallas máis grandes: O iPhone 16 Pro ten unha pantalla de 6,3 polgadas, mentres que o Pro Max aumenta a 6,9 polgadas, ambas con 120 Hz de refresco e proceso Ceramic Shield de segunda xeración.
  • Melloras na cámara: A cámara principal agora conta con 48 MP en todos os sensores, incluíndo a ultra gran angular, e introduce un teleobxetivo con zoom óptico 5x, reservado anteriormente unicamente para os modelos Max.
  • Rendemento mellorado: Grazas ao A18 Pro, os iPhones ofrecen un rendemento un 20% superior, cunha GPU de 6 núcleos e capacidades de ray tracing que melloran notabelmente a experiencia para usuarias de xogos no teléfono.
  • Maior duración de batería: O iPhone 16 Pro Max ofrece até 33 horas de reprodución de vídeo, mentres que o iPhone 16 Pro queda nas 27 horas.

Novos AirPods 4

Apple tamén presentou a cuarta xeración dos seus AirPods, que agora incorporan a cancelación activa de ruído (ANC), unha característica que as usuarias levaban tempo reclamando.

Entre as súas características, ademais da ANC, destaca unha nova arquitectura interna que ofrece baixos máis profundos e unha autonomía que pode durar até 30 horas coa axuda do estoxo de carga. Son ademais compatíbeis con MagSafe e carga rápida vía USB-C.

Dispoñibilidade e prezo dos novos iPhone 16 e iPhone 16 Pro

O iPhone 16 parte dos 959 € na versión máis económica, con 128 GB, e o modelo de pantalla máis grande, o iPhone 16 Plus, dos 1.109 € para a mesma capacidade. En canto aos modelos máis premium, o iPhone 16 Pro parte deos 1.219 € (128 GB) eo iPhone 16 Pro Max dos 1.469 €.

Por último, os AirPods 4 teñen un prezo de 149 € no modelo estándar e de 199 € para a versión que incorpora ANC.

Sobre o autor

Reply