O Galaxy Ring de Samsung chega o 25 de setembro ao noso país

Samsung vén de anunciar a chegada ao noso país do seu novo Galaxy Ring, un wearable que xa puidemos ver -nunha vitrina- no Mobile World Congress deste ano. A súa presentación levantou gran expectación, aínda que o seu prezo non foi confirmado oficialmente. Porén, espérase que custe arredor dos 449 euros, prezo co que se comercializa noutros países europeos.

O Galaxy Ring estará dispoñíbel a partir do 25 de setembro e promete ofrecer unha experiencia revolucionaria para o coidado da saúde, integrando as últimas tecnoloxías de monitorización nun formato innovador e discreto. A súa lixeireza (entre 2,3 e 3 gramos, dependendo da tallaxe) e o seu deseño cómodo fan que sexa unha ferramenta ideal para a súa utilización diaria, mesmo nas horas de sono.

Características e funcionalidades destacadas do Galaxy Ring

Do Galaxy Ring podemos destacar catro aspectos:

  • Monitorización constante da saúde: inclúe un conxunto de sensores avanzados que permiten controlar de forma constante o estado físico das usuarias. Unha das súas principais funcións é o seguimento detallado do sono, grazas a un algoritmo de Intelixencia Artificial (IA) que analiza os patróns de descanso e axuda a mellorar a calidade do sono.
  • Seguimento da frecuencia cardíaca: Outra das funcionalidades chave do Galaxy Ring é a súa capacidade para monitorizar a saúde cardíaca en tempo real. A través da aplicación Samsung Health, o dispositivo envía alertas instantáneas cando detecta frecuencia cardíaca demasiado alta ou baixa.
  • Deseño elegante e resistente: co seu acabado de titanio de grao 5 e unha resistencia á auga de 10ATM, o Galaxy Ring está deseñado para ser levado en todo tipo de situacións. Ademais, a súa superficie cóncava dálle un toque estético único sen comprometer a súa durabilidade.
  • Autonomía de até 7 días: o dispositivo ofrece unha duración da batería de até unha semana, e conta cun estoxo de carga rápida con iluminación LED, que indica o estado da batería de forma sinxela.

Dispoñibilidade do Galaxy Ring

Como avanzamos ao comezo do artigo, o novo Galaxy Ring estará dispoñíbel no noso país o próximo 25 de setembro. Poderase mercar en tres cores (negro, dourado e prata) e en até 9 tallas diferentes, co fin de adaptarse a todo o mundo.

Sobre o autor

Reply