Fíltranse o deseño e as primeiras especificacións do Samsung Galaxy S25 Ultra

Quedan cando menos catro meses para a súa presentación. Porén, os primeiros renderse do seu deseño e algunha das súas especificacións veñen de ser filtradas. Falamos do Galaxy S25 Ultra, o modelo superior da serie Galaxy S25 coa que Samsung abrirá o próximo ano 2025.

Como pode verse nas imaxes, compartidas polo filtrador OnLeaks, o Galaxy S25 Ultra contará cun deseño máis suavizado, con bordes máis finos e cantos planos. Segundo apunta a filtración, as dimensións serían de 162,8 x 77,6 x 8,2 mm, o que fai que sexa algo máis fino ca o seu predecesor, o Galaxy S24 Ultra.

No apartado da cámara consérvase o sistema formado por catro sensores e enfoque láser, coas lentes situadas no mesmo lugar ca nos modelos anteriores. Porén, os aros das lentes semellan máis grosos, o que podería deberse a querer introducir unha maior protección. O principal sería de 200 MP, e xunto a el un gran angular e dous telefoto, todos de 50 MP.

Case non hai dúbidas de que o procesador principal será o Qualcomm Snapdragon 8 Gen 4, seguramente potenciado e personalizado para este trebello. Xunto a el haberá 12 ou 16 GB de RAM e até 1 Tb de capacidade para almacenaxe de datos. A batería mantersase nos 5.000 mh con carga de 45 W.

Malia que aínda queda moito, as filtracións irannos permitindo facernos unha idea do que podemos agardar do próximo modelo de referencia de Samsung. Un trebello que no técnico sabemos que vai estar á altura, e do que se espera unha evolución das funcionalidades Galaxy AI.

Sobre o autor

Reply