A Coruña prepárase para liderar unha revolución tecnolóxica no sector da construción coa creación da Factoría IA na Cidade das TIC. Esta iniciativa, apoiada por unha ducia de empresas do sector, busca aplicar a Intelixencia Artificial (IA) para transformar a industria da construción, mellorando a eficiencia e a seguridade nas obras.
Situada no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, a Factoría IA xurdiu a través de reunións de innovación entre o sector tecnolóxico e o Clúster da Construción. O proxecto conta cun orzamento inicial de 2,2 millóns de euros, cos que buscará desenvolver unha plataforma de IA que integre ferramentas de voz, vídeo e datos, permitindo automatizar procesos e ofrecer solucións tecnolóxicas avanzadas para o sector.
Entre as empresas participantes destacan Cinfo, Enxenio, Possible e XAC. Cinfo, coordinadora técnica do proxecto, encárgase da aplicación da IA ao tratamento de contidos audiovisuais. Pola súa banda, Possible liderará o desenvolvemento dos módulos de procesamento da linguaxe. Enxenio será responsábel da construción da plataforma de IA onde se integrarán todos os servizos. Ademais, o propio Clúster da Construción e XAC actuarán como socios chave, liderando o diálogo co sector e echegando experiencia no campo.
Outras 12 empresas do sector da construción apoian o proxecto e actuarán como observadoras e asesoras. Unha cuestión non menor, xa que un dos principais obxectivos é que a plataforma poida interpretar a normativa e as especificacións técnicas do sector, permitindo a xeración automática de documentos e informes. Ademais, incluirá funcionalidades de vixilancia en materia de seguridade e saúde no traballo, e será capaz de calcular o avance das obras a través do tratamento de vídeo.
Na parte investigadora, o proxecto desenvolverá algoritmos para a detección temperá de problemas estruturais, a xestión de obxectos BIM e o tratamento da voz en entornos de obra, considerando o ruído e a diversidade de acentos e xerga. Estas tarefas estarán a cargo do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) da Universidade da Coruña. O uso de modelos fundacionais europeos e o PERTE da Lingua garantirán a implementación de tecnoloxías de vangarda.
Con este proxecto, a Cidade das TIC reafirma o seu papel como referente tecnolóxico en Galiza, achegando innovación e IA a un sector tan estratéxico como o da construción.