O CITIC da UDC destaca os proxectos de IA e inclusión social na visita do Presidente da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, onde coñeceu de primeira man os proxectos máis innovadores do centro, centrados na aplicación das TIC e a Intelixencia Artificial para promover a inclusión e mellorar as políticas públicas.

Durante a visita, Formoso foi acompañado polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e o director do CITIC, Manuel González Penedo, quen destacaron a relevancia da colaboración entre a Deputación e a universidade no desenvolvemento tecnolóxico e social de Galiza. Un dos puntos clave da xornada foi a presentación do proxecto Talentos Inclusivos, que emprega a tecnoloxía para mellorar a vida de colectivos vulnerábeis, como as persoas con discapacidade, demostrando o compromiso do CITIC coa igualdade de oportunidades e a inclusión social.

Formoso tamén visitou a Sala Demostrador Tecnolóxico, un espazo único en Galiza onde se expoñen proxectos de investigación e innovación en TIC, desde prototipos de diagnóstico ocular mediante visión artificial ata realidades virtuais para a rehabilitación. Esta sala facilita o acceso á tecnoloxía tanto para empresas como para a cidadanía, favorecendo a difusión do coñecemento tecnolóxico.

O CITIC é un referente estatal en proxectos para o terceiro sector, e o seu traballo con Intelixencia Artificial inclúe aplicacións en ámbitos como a saúde e o medio ambiente. A súa colaboración coas administracións públicas, como a Deputación da Coruña, é fundamental para seguir impulsando proxectos que xeren un impacto social positivo.

A Deputación da Coruña vén de unirse ao Consello Reitor do CITIC, reforzando o apoio institucional ao centro. O seu Presidente subliñou a importancia de incrementar o investimento en ciencia e investigación, recoñecendo que o talento e o coñecemento son os alicerces dunha sociedade de progreso.

Sobre o autor

Reply