HMD vén de lanzar ao mercado europeo un produto moi especial, o HMD Fusion. Un smartphone modular que ofrece a posibilidade de personalizar e mellorar as súas características mediante cubertas intercambiábeis. O trebello xa se pode mercar desde o noso país, tras ser presentado a semana pasada.
Características do HMD Fusion
O HMD Fusion incorpora unha pantalla de 6,56 polgadas, con relación de aspecto 20:9 e frecuencia de actualización de 90 Hz. O seu brillo máximo é de 600 nits, e a resolución queda en HD+ (720 x 1612).
No apartado fotográfico destaca o seu sensor principal, de 108 MP, con AutoFocus e estabilización óptica de imaxe. Complétase cun segundo sensor de 2 MP para profundidade, así como flash LED. Na parte frontal temos unha cámara de 50 MP.
O interior do dispositivo está dominado por un chip Qualcomm Snapdragon 4 Gen 2, xunto con versións de 6 + 128 GB e 8 + 256 GB. En ambos casos pódese ampliar a RAM mediante memoria virtual, e admite tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade.
Dispón de conectividade 5G, Bluetooth 5.1 e NFC. A súa batería é de 5.000 mAh, con carga de 33W, e o sistema operativo Android 14.
Modular mediante cubertas que aínda non chegaron
Un dos puntos máis destacados deste novo smartphone é a súa modularidade, xa que as usuarias poden adquirir diferentes cubertas intercambiábeis que non só cambian a estética, senón que tamén engaden novas funcionalidades. Entre elas temos a carga sen fíos, un flash LED de disco ou a construción dun móbil robustecido.
Porén, estas cubertas aínda non están dispoñíbeis para a súa venda, e HMD non especificou unha data exacta para o seu lanzamento. Segundo a empresa, os primeiros “outfits” para o Fusion chegarán nalgún momento do cuarto trimestre do ano.
Máis aló destas opcións que presenta HMD, o fabricante tamén ofrece a posibilidade de crear deseños personalizados mediante impresión 3D, grazas ao seu Development Toolkit, que xa se pode descargar.
Dispoñibilidade e prezo do HMD Fusion
O HMD Fusion xa se pode mercar desde a web da compañía. Véndese nunha única cor, negro, por 269,99 € con 6 + 128 GB ou por 30 € máis, 299,99 €, con 8 + 256 GB.
Máis info | HMD