Xiaomi vén de presentar novo modelo de gama entrada, o Redmi 14R 5G. Trátase dunha variante do Redmi 14C, do que mantén o deseño, acabado e outras características. Un dispositivo co que a compañía quere posicionarse ofrecendo conectividade 5G no segmento máis económico do mercado: a gama entrada.
Este novo modelo vén equipado cunha pantalla LCD de 6,88 polgadas cunha taxa de refresco de 120Hz, e cunha resolución é HD+ (1.640 x 720 píxeles). No seu interior, o Redmi 14R 5G conta cun Snapdragon 4 Gen 2 de Qualcomm, acompañado de até 8GB de RAM e 256GB de almacenamento interno. Ademais, incorpora unha batería de 5.160mAh con carga de 18W, suficiente para aguantar unha xornada de uso intensivo sen problema.
No campo fotográfico, este dispositivo ofrece unha cámara principal de 13MP xunto cun sensor secundario de baixa resolución enfocado nos diferentes efectos de retrato. Na parte frontal, leva unha cámara de 5MP básica, para cumprir as necesidades mínimas de autorretratos e videochamadas.
En canto a conectividade, máis aló do 5G, o Redmi 14R 5G vén equipado con WiFi 5, Bluetooth 5.0 e un conector para auriculares de 3.5mm. O dispositivo corre baixo HyperOS, a nova capa de personalización de Xiaomi baseada en Android 14.
Dispoñibilidade e prezo do Redmi 14R 5G
O Redmi 14R 5G xa se pode mercar na China nas súas diferentes combinacións de memoria e cores, que inclúen o negro, azul, lilá e verde.
En canto a prezos, o dispositivo parte duns 140 € ao cambio na configuración de 4 + 128 GB. O modelo con 6 + 128 GB custa uns 190 €, o de 8 + 128 GB uns 215 €; e a versión máis completa, con 8 + 256 GB, uns 240 € ao cambio.
Con estas características e prezos, o Redmi 14R 5G preséntase como unha opción ideal para quen busca un smartphone 5G accesíbel e equilibrado, sen renunciar a funcionalidades avanzadas. Tan só queda saber cando vai estar dispoñíbel no noso país.