Microsoft segue avanzando na súa aposta pola intelixencia artificial, onde vén de presentar Copilot Pages, a súa nova aposta para o traballo colaborativo nas empresas. Trátase dunha ferramenta que permite combinar datos web e información laboral nun mesmo espazo de traballo, onde todas as usuarias poden modificar, ampliar ou eliminar elementos. E todo coa axuda da IA de Microsoft.
Un novo nivel de colaboración con IA
Copilot Pages chega como unha solución que permite a colaboración multiusuario con IA, inspirada en ferramentas como Notion ou Loop. A idea é sinxela: crear un espazo onde os equipos poidan traballar xuntos, engadindo datos e respostas extraídas de Copilot coma se fose un compañeiro máis.
O seu funcionamento baséase na integración de Copilot directamente nunha páxina colaborativa, permitindo que o chatbot extraia e insira información dun xeito rápido e sinxelo. A interface da ferramenta é moi intuitiva, semellante aos documentos compartidos de Word ou Excel, onde se pode traballar de forma conxunta.
Unha das características máis destacadas de Copilot Pages é que podemos compartir as páxinas mediante un enlace, facilitando a colaboración en tempo real. Ademais, Copilot poderá acceder a datos de Internet ou ficheiros do PC para enriquecer o contido da páxina. Isto permite crear plans de proxectos, tomar notas de reunións, preparar presentacións e moito máis, mellorando a produtividade do equipo.
Axentes virtuais
As persoas que teñen unha subscrición a Microsoft 365 Copilot tamén terán acceso a novas funcionalidades con Copilot Studio, un xerador de axentes virtuais dentro de Teams ou Outlook. Estes axentes poderán ser mencionados e recibir preguntas directas, ademais de automatizar tarefas e tomar decisións proactivas. Por exemplo, poderán vixiar o correo electrónico e monitorizar as bandexas de entrada, aforrando tempo e mellorando o fluxo de traballo.
Dispoñibilidade de Copilot Pages
Microsoft anunciou que xa comezou a despregar estas novas funcionalidades para as usuarias de Microsoft 365 Copilot. A compañía traballa coa previsión de que a finais deste mesmo mes de setembro a ferramenta estea dispoñíbel para todas as subscritoras.