Un estudo apunta a que tan só un 10% das persoas empregan efectivo nas súas compras diarias

O uso de cartos en efectivo está en retroceso no Estado español, e cada vez máis persoas están a optar por métodos de pago dixitais. Segundo unha recente enquisa da empresa tecnolóxica PaynoPain, só un 10% dos españois utiliza o efectivo para as súas compras do día a día, mentres que a tarxeta de crédito ou débito é a opción favorita para o 52% das consumidoras.

Malia que as carteiras dixitais -como Google Wallet- gañan popularidade, especialmente entre o público máis novo, as tarxetas seguen a ser o método de pago máis empregado. As carteiras dixitais quedan nunha conta do 37,1%, se ben en continou crecemento,

Malia todo, o efectivo aínda se mantén como unha opción popular en certas situacións. O 67% das consumidoras afirman empregar cartos en metálico para comprar no pequeno comercio, mentres que o 24% destínao ás propinas e un 7% a facer agasallos.

Preferencias de pago segundo a xeración

A enquisa de PaynoPain tamén destaca as diferencias de comportamento entre xeracións:

  • 18 a 25 anos: A metade das consumidoras neste rango de idade prefire pagar coa tarxeta, mentres que o 38% opta polos wallets dixitais, como Apple Pay ou Google Wallet, e só o 11% segue usando efectivo. Ademais, un 27% destas consumidoras xa non leva diñeiro en metálico enriba, e unha terceira parte cre que o efectivo desaparecerá nos próximos 5-10 anos.
  • 26 a 40 anos: Neste grupo, os wallets toman a dianteira, cun 55% de preferencia, fronte ao 42,5% que segue optando pola tarxeta. O efectivo e Bizum teñen unha escasa aceptación, cun 1,25% cada un. Máis do 63% non leva efectivo e prefire os métodos de pago dixitais. Aínda así, un 65% considera que a desaparición do efectivo non sería unha boa nova.
  • 40 a 60 anos: A tarxeta segue liderando (59,09%), mentres que os monedeiros electrónicos representan o 23,86% e o efectivo o 15,91%. Curiosamente, esta é a xeración máis aberta á idea da desaparición do efectivo nos próximos anos (42,05%).
  • 61 anos en diante: A tarxeta é a favorita para o 62,5%, pero o efectivo e os wallets igualan a súa popularidade, ambos cun 18,75%. Para este grupo, o efectivo segue sendo relevante, e un 80% cre que a súa desaparición sería negativa.

A adopción das tecnoloxías emerxentes nos pagos

A aceptación das tecnoloxías emerxentes segue crecendo entre as consumidoras. Segundo a enquisa, un 69,5% dos españois está disposto a probar estes novos métodos de pagamento, mentres que o 30,2% prefire os modelos tradicionais.

Ademais, a localización tamén inflúe nas preferencias de pago. Nos ámbitos rurais, 7 de cada 10 habitantes paga normalmente a través dos wallets dixitais, mentres que nas zonas urbanas a tarxeta segue sendo a máis popular (51%), seguida dos moedeiros electrónicos (36%) e o efectivo (12,6%).

Sobre o autor

Reply