Unha das características que máis botamos de menos dos antigos teléfonos móbiles é a súa autonomía de varios días. Por iso desde a chegada dos smartphones popularizáronse accesorios que nos permiten recibir unha dose de carga adicional. Falamos das baterías externas ou powerbanks.
Xiaomi vén de anunciar a ampliación do seu catálogo de accesorios, incorporando unha nova batería portátil de 10.000 mAh. A noticia podería pasar desapercibida, se non fose porque esta ofrece unha velocidade de carga de até 165 W a través dos seus dous portos USB-C.
Con estas características, non só pode cargar dous dispositivos á vez, senón que ademais pode facelo a alta velocidade. Por iso, ademais de poder cargar smartphones ou accesorios como auriculares sen fíos, tamén pode cargar ordenadores portátiles a gran velocidade. Xiaomi apunta que é compatíbel con varios estándares de carga, e como exemplos apunta a que pode cargar 1,41 veces o seu Mix Fold 4 ou 1,75 veces o iPhone 15 Pro Max.
A propia batería portátil tamén se pode recargar rapidamente, grazas á súa entrada de até 90W. Ademais, inclúe unha pantalla que dá información tanto do estado de carga como do nivel de batería do que dispón.
Dispoñibilidade e prezo
A nova batería externa de Xiaomi xa está en prevenda na China, onde se pode mercar por uns 25 € ao cambio. Polo de agora non está anunciada a súa dispoñibilidade global, aínda que non debería tardar moito en chegar ás tendas de importación.