Telefónica lanza a IV edición do concurso “Ciberseguridade no cole!”

O programa Ciberseguridade no cole! volve en 2024 coa súa cuarta edición, impulsada por Telefónica. Trátase dunha iniciativa para promover a importancia da ciberseguridade entre o estudantado de 10 a 14 anos. Este concurso, que busca dotar ao alumnado de coñecementos para afrontar os riscos do uso dos medios dixitais, abre o seu prazo de inscrición para os centros de educación primaria e secundaria ata o 7 de outubro.

Promovendo a cultura da ciberseguridade nas aulas

A principal finalidade do certame é concienciar ao estudantado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO sobre a relevancia da ciberseguridade. Para isto, proporcionaranse as ferramentas necesarias para que poidan enfrontarse aos retos do mundo dixital dun xeito seguro e responsábel. Ademais, o concurso fomenta o traballo en equipo, creando un impacto positivo na sociedade e promovendo unha cultura da ciberseguridade entre a mocidade.

Dúas fase para o reto dixital

A estrutura do concurso contará con dúas fases: unha inicial de clasificación en liña e outra final presencial.

  • Fase inicial: terá lugar o 15 de outubro en horario escolar, empregando o formato “Quiz Time”. Todos os participantes conectaranse á plataforma dixital Kahoot! para responder ás preguntas formuladas pola organización. Ao remate, seleccionaranse os tres equipos clasificados de cada categoría (primaria e secundaria) que teñan a maior cantidade de respostas correctas, tendo en conta os tempos de resposta en caso de empate.
  • Fase final: celebrarase o 7 de novembro no IV Encontro CIBER.gal, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Como novidade desta edición, cada centro escolar clasificado estará representado por dúas alumnas, formando un equipo único de 6 participantes por categoría. A dinámica consistirá en preguntas e respostas contrarreloxo, co equipo traballando de forma colaborativa para acadar os premios, que serán formativos e relacionados coa seguridade.

Inscricións abertas até o 7 de outubro

Os centros educativos interesados en participar na IV edición de Ciberseguridade no cole! poden formalizar a súa inscrición ata o 7 de outubro (até as 14 horas) a través do formulario dispoñible neste enlace.

Desde a súa posta en marcha en 2021, o concurso “Ciberseguridade no cole!” acadou un enorme éxito de convocatoria, contando coa participación de máis de 14.000 alumnas e alumnos, pertencentes a 500 clases e 200 colexios galegos.

Sobre o autor

Reply