Orange TV abrirase a todos os operadores: a nova aposta do mercado OTT

Xa non será necesario ser cliente de Orange para poder desfrutar da súa televisión. A compañía -unha das marcas do conglomerados MASORANGE– prepara un importante paso adiante, seguindo o camiño aberto por Movistar Plus+. E é que Orange TV pasará a ser unha plataforma OTT (Over-The-Top) independente, o que implica que as usuarias de calquera operadora poderán contratar o servizo, de igual maneira que se pode contratar Netflix, Disney+, Max e outras ferramentas semellantes.

Telefónica foi pioneira neste eido, ao ofrecer o seu servizo Movistar Plus+ a todas as usuarias desde o verán do ano pasado, incluíndo prezos competitivos e unha oferta que inclúe fútbol, cinema, series (mesmo de produción propia), entre outros. Agora Orange pretende competir directamente con ese servizo de Telefónica cunha aposta flexíbel.

Os detalles da nova plataforma OTT de Orange aínda non foron desvelados, polo que non podemos adiantar a data do seu lanzamento ou o prezo que terá. Tampouco se haberá a posibilidade de contratar paquetes a diferentes prezos, dependendo dos contidos incluídos. O que si que parece claro é que a ferramenta permitirá a visualización simultánea en varios dispositivos.

Con este movemento, Orange entra a formar parte dunha tendencia crecente no mercado televisivo, onde as plataformas OTT estanse a consolidar como unha das opcións preferidas polas consumidoras, grazas á súa flexibilidade e ao acceso a contido de calidade sen compromisos a longo prazo. O lanzamento de Orange TV como un servizo independente podería marcar un punto de inflexión na loita polo mercado audiovisual en España, posicionando a Orange como un competidor directo de Movistar Plus+.

Sobre o autor

No Responses

Reply