A marca de smartphones realme continúa cun 2024 cheo de anuncios. No seu evento Cool Tech celebrado hoxe, presentou importantes novidades que prometen cambiar o xeito no que interactuamos cos dispositivos móbiles. Entre as principais novidades destacan un pioneiro botón de control de cámara e a tecnoloxía de carga máis rápida do mundo, de 320W.
Novo botón de cámara de realme
Un dos lanzamentos máis destacados foi o novo botón de control de cámara de realme, que introduce unha experiencia de manexo máis intuitiva e precisa. Este botón permite controlar a exposición e o enfoque con só deslizar, mellorando a eficiencia á hora de facer fotografías. Ademais, achega funcionalidades propias de cámaras profesionais, que agora son máis accesíbeis grazas a esta tecnoloxía.
Carga de 320W de realme
Outro gran avance foi a presentación do SuperSonic Charge de 320W, que xa fora anunciada a finais de agosto. Esta tecnoloxía permite cargar un dispositivo por completo en tan só 4 minutos e 30 segundos, rompendo todas as barreiras coñecidas até o momento. Con esta innovación, realme establece un novo estándar de rapidez e comodidade para as usuarias que precisan cargar os seus dispositivos nun tempo récord.
Outras innovacións de realme para transformar a experiencia móbil
Alén do botón de cámara e a carga ultra rápida, realme tamén introduciu seis novas tecnoloxías centradas en tres áreas clave: intelixencia artificial (IA), rendemento e imaxe.
Entre estas innovacións está a primeira pantalla antirreflectante para smartphones, inspirada na estrutura dos ollos das avelaíñas, que reduce os reflexos en até un 80%. Isto garante unha visualización máis cómoda, incluso baixo a luz solar directa, e ademais axuda a aforrar batería.
Outra das novidades destacadas é a tecnoloxía AI Motion Picture, que transforma unha única imaxe nun vídeo de 25 fotogramas por segundo, dando vida aos nosos recordos de forma innovadora.
Para as amantes dos videoxogos, realme tamén mellorou a resolución gráfica cos xogos mediante a AI Gaming Super Resolution e introduciu vibración 4D para unha experiencia máis inmersiva, compatíbel con xogos como Honor of Kings.