Huawei revolucionou o mercado dos smartphones encartábeis co lanzamento do Huawei Mate XT, o primeiro smartphone con dobre bisagra que ofrece tres formatos de pantalla. Tras a súa presentación, o dispositivo está a causar sensación na China, onde diferentes fontes apuntan a que logrou acadar entre tres e seis millóns de reservas en poucos días.
O período de preventa comezou o 7 de setembro e en tan só dous días xa se acadaran os 3 millóns de reservas. Dez días despois, a cifra disparouse ata os 6 millóns. Porén, os datos hai que tomalos con certa cautela, xa que ao requirir pago previo nestas reservas, é posíbel que algunhas das usuarias que a fixeron non acaben mercándoo finalmente.
Este dispositivo, que se move entre os 2.500 euros e os máis de 3.000 euros na súa versión de maior capacidade (16 GB + 1 TB), ofrece unha experiencia única ás usuarias, ao poder transformarse desde un smartphone de 6,4 polgadas a unha tablet de 7,9 cando está a medio despregar ou a 10,2 polgadas cando está completamente aberto.
Posíbeis limitacións de stock
Na China preocupa agora a limitación de stock, e se Huawei será quen de dar resposta ao gran interese que semella provocar este dispositivo. Fontes da industria apuntan que a marca conta cun stock inicial de só 1 millón de unidades, moi por debaixo da demanda estimada.
E é que co lanzamento do Huawei Mate XT, a compañía posicionouse como pioneira no mercado dos móbiles triplemente encartábeis.