AVM revoluciona a conectividade: Wi-Fi 7, fibra óptica e 5G cos novos FRITZ!Box

AVM, un dos principais fabricantes europeos en dispositivos de conectividade, vén de poñer á venda no noso país a súa última gama de produtos FRITZ!Box, equipados coas últimas tecnoloxías en conectividade, como WiFi 7, fibra óptica e 5G. Estes novos dispositivos, ademais de ofrecer gran velocidade de conexión por cable e sen fíos tamén inclúen funcionalidades para fogares intelixentes e solucións mesh para unha cobertura completa nas vivendas ou centros de traballo.

Novo FRITZ!Box 5690 Pro con WiFi 7

O novo FRITZ!Box 5690 Pro é o novo router tribanda de AVM, que achega ao noso país a nova xeración de WiFI 7. Grazas á súa frecuencia de 6 GHz e a un ancho de banda de ata 320 MHz, permite acadar velocidades de até18.490 Mbps (18 Gbps). Esta velocidade extrema facilita a conexión de múltiples dispositivos ao mesmo tempo sen perder calidade, ideal para o streaming, xogos en liña ou traballos remotos que requiren unha conexión estable e de baixísima latencia.

Entre as súas principais características destacan a compatibilidade con redes de fibra óptica GPON e AON, e o soporte para dispositivos de fogar intelixente mediante os protocolos DECT e Zigbee. Ademais, co seu sistema de operación multienlace (MLO), o router minimiza as interferencias entre as bandas de 2,4 GHz, 5 GHz e 6 GHz, garantindo unha cobertura robusta e sen interrupcións.

Máis opcións para fibra óptica e redes 5G

Ademais do FRITZ!Box 5690 Pro, AVM tamén ampliou a súa gama de routers con novos modelos como o FRITZ!Box 5690 XGS, deseñado para conexións de fibra óptica ultrarrápidas de 10 Gbps. Tamén destacan o FRITZ!Box 4690 e o novo FRITZ!Box 6860 5G, que permite navegar en interiores e exteriores usando redes móbiles de máxima velocidade como 5G e LTE, con velocidades de até 1,3 Gbps. Estes dispositivos están preparados para o futuro, ofrecendo solucións flexíbeis e de alto rendemento para fogares e vivendas.

Por outra banda, a expansión da WiFi a todos os recunchos do fogar é outro dos focos de AVM. Os novos FRITZ!Repeaters 2400 W7 e 1200 W7 están equipados con WiFi 7, mentres que os FRITZ!Mesh Sets melloran a cobertura WiFi 6. Ademais, a empresa tamén lanza o FRITZ!Smart Energy 250, un sensor de corrente que permite aos usuarios controlar e optimizar o seu consumo enerxético no fogar.

Estes novos produtos veñen equipados con FRITZ!OS 8, que chega con máis de 60 melloras e novas funcións que optimizan a experiencia das usuarias. Esta actualización ofrece unha rede doméstica máis segura e cómoda, con novas opcións para personalizar e controlar todos os dispositivos conectados.

Con estes novos produtos, AVM posiciónase no mercado proporcionando solucións de conectividade adaptadas ás demandas máis esixentes das usuarias, tanto a nivel de velocidade como de cobertura e seguridade.

Máis información | AVM

Sobre o autor

Reply