Samsung pon hoxe á venda o Galaxy Ring por 449 €

O Samsung Galaxy Ring ponse hoxe á venda no noso país. O novo dispositivo de Samsung promete revolucionar o mundo dos dispositivos wearables ofrecendo unha alternativa máis cómoda ao reloxo intelixente, sobre todo durante o descanso nocturno, cando moitas usuarias prefiren deixar o seu wearable na mesiña de noite.

Precisamente por iso, o Galaxy Ring enténdese como un complemento máis. Deseñado para substituír aos smartwatches en certas funcións, especialmente á hora de durmir. O anel é quen de facer seguemento dos parámetros de saúde nas horas de descanso, sendo máis lixeiro e discreto ca un reloxo, que pode incomodar.

Os datos que recolle intégranse e trasládanse a Samsung Health, a aplicación de Samsung desde a que podemos acceder a eles de maneira gráfica. Entre estes datos están a frecuencia cardíaca e o control exhaustivo do sono, como xa temos visto.

O seu peso é de entre 2,3 e 3 gramos (dependendo do tamaño) e conta cunha resistencia á auga de 10 ATM. Está acabado en titanio de grao 5 e conta cunha autonomía de sete días, cargándose nun estoxo propio que tamén nos permite ver o estado da batería.

Dispoñibilidade e prezo

O Samsung Galaxy Ring chega ao noso país en negro, dourado e prata cun prezo de 449 €, unha cantidade que non está ao alcance de todos os petos, polo que entendemos que non será un dispositivo de masas. Pódese adquirir desde hoxe na tenda online de Samsung, e a partir de mañá en tendas físicas como El Corte Inglés, MediaMarkt ou Telefónica.

A opción de adquirilo nun establecemento físico pode resultar máis interesante, xa que o trebello chega en 9 tallas, adaptándose a diferentes tamaños de dedo. Para quen decida mercalo na web de Samsung, a compañía enviará unha caixa de proba para comprobar a talla antes de recibir o produto final.

Sobre o autor

No Responses

Reply