De todos os cambios que levou a cabo Netflix nos últimos tempos, comezar a cobrar por compartir as contas foi o máis polémico. Pola contra, o público acolleu de bo grado a nova modalidade con anuncios, que permite desfrutar dos contidos pagando menos a cambio de ver algúns spots nas reproducións.
Logo destas mudanzas, acontecidas hai un ano, Netflix habilitou tres modelos de susbscrición: un plan estándar con anuncios de 5,49 €/mes, un plan estándar sen anuncios de 12,99 €/mes e o plan premium de 17,99 €/mes. A opción de subscritor extra, con perfil e contrasinal propios, viña costando até o de agora 5,99 €/mes adicionais.
A compañía quere dar unha reviravolta a este modelo e comezou a probar no noso país unha nova modalidade de subscrición para quen queira compartir a súa conta a un prezo máis económica. Esta nova opción de subscritor extra custa 4,99 €/mes, un euro menos ca a opción actual, e permite ás usuarias acceder, con anuncios, ao catálogo da compañía.
Se ben o cambio non é moi significativo, Netflix pretende con este movemento seguir a medrar nun mercado cada vez máis saturado, ofrecendo solucións que se adapten a diferentes orzamentos. Ao fin e ao cabo, sumando todas as subscricións mensuais a servizos váisenos unha cantidade importante ao mes, polo que calquera aforro é benvido.
