Contar cunha boa velocidade de conexión tense convertido nunha necesidade para moitas. O crecente número de dispositivos conectados nas nosas casas ou a necesidade de realizar traballos en mobilidade, requiren contar cunha boa conexión. Por iso solucións como a fibra óptica nas nosas vivendas ou o 5G téñense convertido en fundamentais para moitas.
Segundo o último informe de conectividade realizado por Ookla, Digi e Movistar son as grandes triunfadoras no 2024. A operadora rumana despunta pola súa fibra óptica, mentres que Movistar lidera nas comunicacións móbiles co 5G.
Os datos correspóndense co primeiro semestre de 2024, e Movistar posicionouse como a operadora co 5G máis rápido, con velocidades medias de descarga de 213,81 Mbps e de 20,43 Mbps en sentido ascendente.
A operadora tamén acadou un 90,1% de consistencia, sendo a rede móbil máis fiábel. En canto á experiencia de xogo móbil baixo 5G, Movistar resultou ser a compañía mellor valorada, cunha puntación do 84,70%.
Pola súa banda, Digi consolidouse como a operadora que máis destaca en fibra óptica no Estado español, repetindo o seu éxito en informes anteriores. Durante o primeiro semestre de 2024, a súa velocidade media de descarga foi de 312,72 Mbps e a de carga acadou os 312,86 Mbps. Ademais, a súa consistencia rexistrou un 94%.
Estes datos reafirman o que apuntaban outros informes de conectividade anteriores. Mentres Movistar segue a ser a opción favorita para quen busca a mellor conectividade 5G, Digi reafirma a súa posición como a operadora de fibra máis rápida.