Tocaba actualización da serie de tablets avanzadas de Samsung, e chegou con novidades. A compañía vén de desvelar a súa serie Galaxy Tab S10, que vén con importantes novidades. A primeira é que o modelo base non foi anunciado, sen aclarar se vai ser eliminado ou se chegará máis adiante. Así que, polo de agora, temos as novas Galaxy Tab S10 Ultra e Galaxy Tab S10+.
Ambas as dúas tablets veñen equipadas con procesador MediaTek Dimensity 9300+, confirmando a substitución do Qualcomm Snapdragon que viñan usando. Respecto ao modelo anterior, o fabricante apunta a melloras significativas, tendo un 18% máis de potencia na CPU, un 28% de mellora na GPU e un 14% máis de eficiencia na NPU, o que fai que sexa axeitado para as funcións de intelixencia artificial (IA) que implementan estes dispositivos.
Porque, igual ca nos Galaxy S24, a IA xoga un papel moi importante nestas tablets, con funcións como Note Assist e Drawing Assist, optimizadas para facilitar a toma de notas e debuxos. Ademais, o ecosistema SmartThings intégrase de maneira fluída, permitindo controlar dispositivos conectados a través dun mapa 3D da casa. O sistema de son tamén mellorou grazas á funcionalidade Dialogue Boost impulsada por IA, que mellora a claridade do son durante a reprodución de contido multimedia.
Pantallas de alta calidade, S Pen e autonomía
As pantallas son Dynamic AMOLED 2X con taxa de refresco de 120 Hz, garantindo unha experiencia de visualización fluída e de alta calidade. No caso da Galaxy Tab S10 Ultra trátase dun panel de 14,6 polgadas, mentres que a Galaxy Tab S10+ queda nas 12,4 polgadas. Ademais, ambas contan con tecnoloxía antirreflectante para reducir o brillo e mellorar a visibilidade desde calquera ángulo.
No apartado fotográfico, tanto a Galaxy Tab S10 Ultra como a Galaxy Tab S10+ veñen equipadas cun sistema de cámara traseira de 13 MP + 8 MP gran angular. Na parte dianteira, a Tab S10 Ultra destaca con dous sensores de 12 MP, mentres que a Tab S10+ ten un único sensor de 12 MP gran angular. Ademais, o S Pen, que vén incluído, ofrece unha mellor experiencia grazas á súa certificación IP68 e características como o enganche magnético e a carga bidireccional.
As Galaxy Tab S10 Ultra e Galaxy Tab S10+ non só destacan polo seu rendemento, senón tamén pola súa autonomía. A Tab S10 Ultra conta cunha batería de 11.200 mAh, mentres que a Tab S10+ ten 10.090 mAh, ambas compatibles con carga rápida de 45 W. Porén, como xa vén sendo norma, o cargador non está incluído, o que significa que haberá que adquirir un de xeito adicional.
Dispoñibilidade e prezo das novas Galaxy Tab S10 Ultra e Galaxy Tab S10+
As Galaxy Tab S10 Ultra e Galaxy Tab S10+ xa están dispoñíbeis para reserva no noso país, e poranse á venda a mediados da próxima semana, o 3 de outubro. Os prezos de partida son de 1.239 € para a Galaxy Tab S10+, e de 1.339 € para o modelo Ultra.
- Galaxy Tab S10 Ultra 12 GB + 256 GB: 1.339 euros
- Galaxy Tab S10 Ultra 12 GB + 512 GB: 1.459 euros
- Galaxy Tab S10 Ultra 16 GB + 1 TB: 1.759 euros
- Galaxy Tab S10+ 12 GB + 256 GB: 1.239 euros
- Galaxy Tab S10+ 12 GB + 512 GB: 1.459 euros
Co lanzamento destas novas tablets, Samsung segue marcando o camiño na gama alta de Android, con dispositivos de deseño continuista pero que actualizan características para ofrecer a tecnoloxía máis avanzadas ás usuarias que precisan o mellor.