A finais da semana pasada demos conta do anuncio da nova serie de smartphones Xiaomi 14T. Uns dispositivos que non chegaron sós, xa que o fabricante aproveitou o evento de lanzamento para dar a coñecer sete novos dispositivos conectados. Con eles, Xiaomi continúa a extender o seu ecosistema IOT (Internet das Cousas) con novas teles, aspiradoras e dispositivos de vestir.
Xiaomi Roboto Vacuum X20 Max e X20 Pro
Entre os produtos anunciados están os novos aspiradores Xiaomi Robot Vacuum X20 Max e Xiaomi Robot Vacuum X20 Pro, que ofrecen solucións avanzadas de limpeza. O modelo X20 Max destaca polo seu brazo de mopa extensíbel e unha potencia de succión de 8000Pa, perfecto para fogares con mascotas.
Pola súa banda, o modelo X20 Pro combina unha potente succión de 7000Pa con tecnoloxía de detección de alfombras e autobaleirado, En ambos os casos, a batería ofrece unha autonomía mínima de 2 horas de limpeza, o cal semella tempo suficiente para limpar por completo unha vivenda estándar.
Xiaomi TV Max 100 2025 e 85 2025
O listado de televisores de Xiaomi tamén se ve ampliado coa chegada de dous novos modelso: Xiaomi TV Max 100 2025 e Xiaomi TV Max 85 2025, deseñados para ofrecer unha experencia “cinematográfica”.
Ambos os dous modelos, cuxa principal diferenza é o tamaño da súa pantalla, contan con paneis QLED 4K UHD, con frecuencia de actualización de 144 Hz. Tamén dispoñen de soporte para Dolby Vision e Dolby Atmos e integración con Google TV, podendo ser controlados desde o reloxo Xiaomi Watch 2.
Xiaomi Buds 5
Os Xiaomi Buds 5 ofrecen unha experiencia de audio superior grazas ao seu controlador de 11 mm e cancelación de ruído activa. Impulsados por IA, permiten chamadas de alta calidade e gravación de audio, sendo ideais para creadores de contido. Con ata 39 horas de autonomía e certificación Qualcomm aptX Lossless, proporcionan un son claro e detallado.
Xiaomi Smart Band 9
A Xiaomi Smart Band 9 é a nova pulseira intelixente de Xiaomi, que combina estilo e funcionalidade. Dispón dunha batería de 233 mAh que ofrece até 21 días de uso.
Con 150 modos deportivos e máis de 200 esferas personalizábeis, está deseñada para entusiastas do fitness que buscan un seguimento avanzado de saúde e actividade física cun dispositivo compacto.
Novo Xiaomi Watch 2
A versión actualizada do Xiaomi Watch 2 inclúe unha elegante variante en Titan Gray e novas funcións, como a Pet Park, que anima ás usuarias a coidar dunha mascota virtual mediante a súa actividade diaria.
Ademais, permite controlar televisores da serie Xiaomi TV Max, e en canto a seguemento deportivo destaca a posibilidade de acceder a clases de boxeo a través da app Mi Fitness.
Prezos e dispoñibilidade
Os novos dispositivos presentados por Xiaomi, cos que o fabricante aspira a liderar en ámbitos tan diversos como o entretemento, a saúde e o fogar, xa se pode adquirir no noso país.
Os robots aspiradores parten de 499,99 € que custa o Vacuum X20 Pro, até os 649,99 € do Vacumm X20 Max. En canto aos televisores, o modelo de 85 polgadas queda nos 1.299 €, e suben até os 1.999 € no caso do de 100 polgadas.
Por último, os dispositivos de vistan parten dos 39,99 € que custa a Smart Band 9. Os Xiaomi Buds 5 poden adquirirse por 99,99 € e o reloxo Watch 2 por 169,99 €.