Microsoft anuncia unha nova experiencia de uso dos Copilot+ PC con Windows 11

A intelixencia artificial (IA) é o epicentro dos Copilot+ PC con Windows 11, cos que Microsoft busca mellorar a experiencia das usuarias a través de funcións avanzadas que simplifican tarefas cotiás. Coa última actualización, que Microsoft vén de despregar, a compañía asegura que optimiza o rendemento dos dispositivos, facéndoos máis rápidos, personalizábeis e eficientes.

A primeira gran novidade de Copilot+ PC é a incorporación de supercapacidades de IA, habilitadas por unha NPU (Unidade de Procesamento Neuronal) de máis de 40 TOPS (Teraoperacións por segundo). Estas melloras permiten que as marcas que están a deseñar dispositivos Copilot+PC (Acer, Asus, Dell, HP, Lenovo, Samsung e a propia Microsoft) poidan ofrecer un rendemento superior.

A partir do mes de outubro, a comunidade de Windows Insider poderá acceder a novas funcións de Copilot+ PC cun despregamento gradual en dispositivos seleccionados. Esta integración de IA non só mellora o rendemento, senón que tamén proporciona unha experiencia máis intuitiva e segura.

Novas funcionalidades de Windows 11 en Copilot+ PC

Ademais de mellorar o rendemento, Microsoft tamén introduce novas funcionalidades en Windows 11, para facer as tarefas diarias máis eficientes:

  • Recall: a ferramenta que permite atopar información visualizada anteriormente actualízase, con filtros de información sensíbel. Combinado con Windows Hello para unha protección avanzada, Recall garante a confidencialidade dos datos sensíbeis.
  • Click to do: facilita o fluxo de traballo ofrecendo suxerencias de accións rápidas, como buscar contido visual, editar texto ou eliminar obxectos en fotos, desde calquera pantalla do dispositivos. Isto mellora a produtividade das usuarias con tan só un clic.
  • Windows Search mellorado: buscar arquivos, documentos ou fotos en Copilot+ PC é agora máis sinxelo. As usuarias poden facer unha descrición do que buscan coas súas propias palabras, sen necesidade de recordar nomes ou ubicacións do arquivos.
  • Alta resolución en fotos: a IA de Windows 11 permite mellorar fotos antigas ou de baixa calidade, transformándoas en imaxes de alta definición até 4K.
  • Reenchido e borrado xerativo en Paint: as novas capacidades de IA en Paint permiten eliminar ou agregar elementos nas imaxes con precisión, ofrecendo unha experiencia de edición máis creativa e rápida.

Melloras na actualización de Windows 11 24H2

A maiores dos anuncios para os Copilot+PC, todas as usuarias de Windows 11 comezarán a recibir inminentemente a actualización 24H2, que trae consigo melloras clave en aforro de enerxía para extender a vida útil da batería. Tamén a compatibilidade con WiFi 7 para unha maior velocidade e fiabilidade, así como soporte para HDR en fondos de pantalla, con imaxes máis nítidas e vívidas.

Sobre o autor

Reply