Caviar presenta unha edición exclusiva do Huawei Mate XT cuberta de ouro de 24 quilates

A famosa marca de luxo Caviar vén de anunciar o lanzamento dunha edición personalizada do Huawei Mate XT, o primeiro smartphone tri-fold do mundo. Esta versión exclusiva destaca por estar cuberta con ouro de 24 quilates, converténdose nun dispositivo de luxo ao alcance duns poucos petos. Co seu prezo, que chega até os preto de 14.000 €, o Huawei Mate XT de Caviar entra no selecto mercado do smartphones para coleccionistas e entusiastas do luxo.

O Huawei Mate XT, presentado a comezos de setembro, é o primeiro dispositivo comercial en contar cunha pantalla triplemente encartábel. Cun prezo de partida duns 2.500 € ao cambio, o teléfono desatou a tolemia na China, onde as reservas superaron todas as espectativas.

Dous deseños de Caviar: Black Dragon e Gold Dragon

Caviar, que xa ten no seu haber outras versións de luxo de smartphones populares, incorpora agora o Huawei Mate XT á súa colección “Rich Colors”. Chega con dous modelos dispoñíbeis: Black Dargon e Gold Dragon.

O primeiro deles, Black Dragon, está inspirado no dragon mitolóxico Xuanlong da cultura chinesa. Está cuberto con couro de crocodilo negro, que imita as escamas de dragón, e inclúe detalles en ouro.

Por outra banda, o modelo Gold Dragon está cuberto case totalmente con ouro de 24 quilates. A súa superficie presenta unha textura inspirada nas espadas imperiais artesanais da cidade chinesa de Longguan, famosa polas súas espadas multicapa.

Só 88 unidades dispoñíbeis

Como todo produto exclusivo, a dispoñibilidade destes modelos será limitada. Caviar anunciou que só fabricará 88 unidades de cada un destes modelos. Unha cantidade que non foi escollida ao azar, senón que representa o número da sorte na cultura chinesa.

Amabas versións estarán dispoñíbeis en tres opcións de almacenamento: 256 GB, 512 GB e 1 TB. En canto a prezos, o Black Dragon oscila entre os 11.500 € e os 12.300 €, mentres que o Gold Dragon vai dos 13.150 € a preto dos 14.000 €.

Quen prefira agardar polo modelo estándar non exclusivo deberá facetlo até o primeiro trimestre do 2025. Huawei ten previsto extender a dispoñibilidade deste trebello nos primeiros meses do ano, por un prezo que en Europa rondará os 3.000 €.

Máis info | Caviar

Sobre o autor

Reply