Novo Oura Ring 4: deseño estilizado e funcións intelixentes para competir co Galaxy Ring

Poucos días despois de que Samsung puxera á venda no noso país o Galaxy Ring, Oura anuncia a cuarta xeración do seu Oura Ring. Cun deseño estilizado e melloras no seguimento da saúde, co Oura Ring 4 o fabricante quere competir directamente co xigante surcoreano neste novo segmento de dispositivos para vestir.

O novo Oura Ring 4 introduce melloras significativas tanto no deseño como no hardware. O anel conta agora cun deseño máis refinado, proporcionando unha aparencia máis limpa e suave. Ademais, está revestido completamente en titano, o que mellora a súa durabilidade, resistencia ao deslizamento e comodidade para o uso prolongado.

Nesta nova versión, Oura ofrece o anel en máis tamaños, cubrindo un rango que vai do tamaño 4 ao 15, asegurando que se axuste mellor a unha maior variedade de usuarios. Aínda que só está dispoñíbel no estilo Horizon, conta con seis acabados diferentes, entre eles Prata, Stealth, Prata Cepillada, Negro, Ouro e Ouro Rosa.

Seguimento avanzado da saúde con Smart Sensing

Unha das novidades máis destacadas do Oura Ring 4 é a incorporación da función de Smart Sensing, que mellora o seguimento da saúde grazas a sensores avanzados e algoritmos optimizados. Mentres que a versión anterior empregaba 8 rutas de sinal, o novo Oura Ring 4 pode usar até 18 rutas, permitindo unha recollida de datos máis precisa e detallada. Isto fai que o seguimento de signos vitais, saúde cardíaca e estrés sexa moito máis exactos.

Ademais, o Oura Ring 4 tamén introduce as métricas de estrés diúrno, sendo quen de detectar automaticamente unhas 40 actividades diferentes, e ofrecendo unha visión máis completa das respostas do corpo ás actividades diarias.

Cambios na aplicación de Oura

Ademais dos cambios no propio anel, a aplicación de Oura tamén foi redeseñada para facilitar o seguimento da saúde, dividíndoa en tres categorías principais: vitais, a miña saúde e hoxe.

Ademais, a nova versión incorpora funcións como o seguimento da saúde reprodutiva, a monitorización do estrés e da saúde cardíaca, e inclúe o programa beta experimental Labs.

Dispoñibilidade e prezo do novo Oura Ring 4

O Oura Ring 4 está dispoñíbel en varios acabados, con prezos que varían segundo o modelo escollido.

  • 399 €: versión prata ou negro
  • 339 €: versión en prata cepillada ou Stealth
  • 549 €: versión en dourado ou ouro rosa.

A compra xa se pode facer a través da web do fabricante, que fará os envíos a partir do 15 de outubro. Como paso previo ao envío do anel, o fabricante envía un kit de talle gratuíto, que permite ás usuarias coñecer cal deben escoller.

Máis información | Oura

Sobre o autor

Reply