SPC For Business, a división de solucións de comunicacións unificadas e colaboración corporativa de SPC, vén de lanzar a nova Yealink MeetingBar A40. Trátase dunha solución todo en un ideal para videoconferencias en espazos pequenos e medianos con até uns 13 participantes. O dispositivo presume de tres puntos clave: ofrecer unha configuración sinxela, contar cun sistema de cámaras avanzadas e achegar unha experiencia de audio e vídeo impulsados por IA, proporcionando a máxima calidade nas reunións híbridas.
Comezando polo primeiro destes aspectos, o fabricante destaca na Yealink MeetingBar A40 a súa facilidade de instalación. Grazas á conexión cun só cable Cat5e, que xestiona tanto a enerxía como a conectividade, o dispositivo pode configurarse en tan só 5 minutos, eliminando a necesidade de múltiples cables e conexións complicadas. Ademais, un cable USB-C conecta a barra ao PC, permitindo a transferencia de contidos en 4K e a carga do portátil, todo cun único cable.
En canto ao vídeo, a Yealink MeetingBar A40 está equipada cun sistema de dobre cámara de 48 MPs con IA, proporcionando un campo de visión de 120° que garante a visibilidade de todos os participantes. A función IntelliFocus destaca até catro participantes activas en primeiro plano, adaptándose dinámicamente ás persoas que interveñen na reunión. Ademais, a funcionalidade Video Fence permite definir os límites da reunión, de maneira que só se vexa e escoite o que está dentro do espazo virtual delimitado.
No ámbito do audio, o dispositivo conta con 8 micrófonos de 6 metros de alcance, que capturan voces con claridade desde calquera dirección, mellorando a calidade do son. Estes micrófonos poden estenderse con micrófonos adicionais para salas máis grandes. Ademais, os altavoces estéreo de alta calidade e o audio dúplex completo aseguran unha experiencia auditiva envolvente e nítida.
Como sistema operativo, a Yealink MeetingBar A40 opera con Android 13, e integra a Microsoft Device Ecosystem Platform (MDEP), que proporciona unha seguridade robusta nas videoconferencias. O uso da IA, máis aló das funcións que xa se comentaron, tamén serve neste dispositivo para implementar a cancelación de ruído e a eliminación da reverberación.
Dispoñibilidade e prezo da Yealink MeetingBar A40
A Yealink Meeting Bar A40 chegará inminentemente, se ben polo de agora non se trasladou o seu prezo oficial. Tendo en conta o valor no mercado dos modelos anteriores, poderíamos avanzar que rondará os 2.500 €.