Os tempos nos que Telegram era unha plataforma de mensaxería instantánea con altos niveis de privacidade son cousa do pasado. Tras o arresto do seo CEO en Francia, a compañía actualizou os termos de servizo en setembro, permitindo compartir datos coa Policía en casos de posíbeis delitos. Grazas ao novo informe de transparencia da compañía, sabemos que esta colaboración xa comezou.
Telegram colabora coa xustiza
Historicamente, Telegram viña resistíndose ás peticións dos gobernos para compartir datos das usuarias, agás en casos extremos como os de terrorismo. Agora, coa nova política de privacidade en vigor, Telegram pode proporcionar información como o enderezo IP ou o teléfono das usuarias en casos de infracción destes termos.
O informe de transparencia que vén de ser publicado detalla a súa colaboración coas autoridades en varios países, entre eles o Estado español. Neste caso, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, procesáronse 22 peticións procedentes de España, que deron pé a compartir datos de 85 usuarias coa Policía. Moitas destas peticións están relacionadas con grupos de Telegram, onde se reúnen persoas con intereses similares. Algúns destes grupos facilitaban as descargas ilegais ou outras actividades ilícitas.
O próximo informe de transparencia da compañía está previsto para xaneiro de 2025, e será un elemento chave para coñecer o alcance da colaboración de Telegram coas autoridades, ao corresponder a un trimestre completo cos termos de servizo actualizados.
