Esta semana celébrase o DevFest Santiago de Compostela 2024

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC acolle os vindeiros 9 e 10 de outubro o Devfest Santiago de Compostela 2024, un dos maiores eventos tecnolóxicos do país. Organizado pola comunidade de desenvolvedores de Google, o DevFest é un espazo ideal para que profesionais, estudantado e afeccionadas compartan coñecementos arredor da Intelixencia Artificial (IA) e o Desenvolvemento Web, dous dos temas centrais desta edición.

O DevFest é un evento gratuíto a grande escala organizado en múltiples cidades de todo o mundo, pero cada edición é única, ofrecendo unha experiencia diferente en cada localidade. Esta edición en Santiago celebrarase durante as tardes dos días 9 e 10 de outubro, de 16:30 a 20:30h.

Conferencias e talleres prácticos sobre IA e Desenvolvemento Web

Os eixos temáticos do DevFest Santiago 2024 serán a Intelixencia Artificial e o Desenvolvemento Web, dous campos que están a transformar a informática actual. As asistentes poderán gozar dunha ampla variedade de conferencias e talleres prácticos adaptados para todo tipo de público, dende persoas expertas no sector ata aquelas que desexen iniciarse nestas tecnoloxías.

As sesións serán impartidas por profesionais destacados da industria, entre eles Google Developer Experts, creadores de contidos dixitais e especialistas en IA e tecnoloxías web. Ademais de aprender sobre as últimas tendencias e avances, o público terá a oportunidade de interactuar directamente cos relatores, compartindo ideas e coñecementos nun ambiente colaborativo e enriquecedor.

Organización e apoio empresarial

O evento está organizado por un equipo de voluntarios composto por Aldan Creo, Judit González, Mateo Bodenlle, Laura Antelo, Sara Castro, Diego Cristóbal e Iago Feijóo, todos eles estudantes e profesionais do sector tecnolóxico.

Tamén conta co apoio de Google e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, ademais do patrocinio de empresas tecnolóxicas como Lucushost, Dinahosting e JetBrains. Grazas a estas colaboracións, os asistentes poderán desfrutar de refrixerios gratuítos durante o evento e participar en sorteos de licenzas de software.

Entradas

A entrada ao DevFest Santiago de Compostela 2024 é totalmente gratuíta, pero é necesario facer reserva previa a través da páxina web oficial do evento: devfest.gdg-sdc.org. Na web tamén se pode consultar a axenda e a información loxística sobre o evento.

Sobre o autor

Reply