Anunciado o Samsung Galaxy A16 5G, o primeiro móbil económico que promete 6 anos de actualizacións

Samsung vén de anunciar o Galaxy A16 5G. Trátase dun smartphone de gama entrada que marca un antes e un despois no seu catálogo. A súa principal novidade é que será o primeiro modelo da serie Galaxy A en ofrecer até 6 anos de actualizacións, algo normalmente reservado aos dispositivos de gama alta. Isto sumado á relación entre características avanzadas e prezo competitivo convérteo nunha opción atractiva para quen busca rendemento e soporte a longo prazo.

Características do Samsung Galaxy A16 5G

Entre as características destacadas do novo Galaxy A16 5G temos unha pantalla AMOLED de 6,7 polgadas, con resolución Full HD+. No seu interior leva un procesador Exynos 1330, e unha batería de 5.000 mAh, con carga de 25W.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal formada por tres sensores. O principal é de 50 MP, e chega acompañado dun ultra gran angular de 5 MP e unha cámara macro de 2 MP. Ademais, na parte frontal conta cunha cámara de 14 MP para autorretratos e videochamadas.

Destaca tamén a súa conectividade 5G, o que lle permite acadar altas velocidades de navegación, adaptándose á cobertura móbil máis avanzada. Tamén dispón de certificación IP54, que lle outorga unha protección fronte salpicaduras e po.

E por último, os seis anos de actualizacións, algo inédito na gama entrada de Samsung. Até o de agora, tan só os dispositivos de gama alta -como a serie Galaxy S24- ofrecían un soporte tan prolongado. Por iso este movemento supón unha característica que aumenta o valor e durabilidade do dispositivo.

Dispoñibilidade e prezo

O Samsung Galaxy A16 5G inicialmente estará dispoñíbel nos Países Baixos por un prezo de 229 euros. Este modelo inclúe 128 GB de almacenamento e 4 GB de RAM, que se ben non é unha capacidade para tirar cohetes, garante un rendemento sólido para as tarefas diarias, como a navegación, o uso de redes sociais e a reprodución multimedia.

Sobre o autor

Reply