Bruxelas propón a dixitalización do pasaporte e o DNI para viaxes fóra do Espazo Schengen

O noso móbil tense convertido nunha carteira dixital multifuncional, que nos permite realizar pagos, xestionar contas bancarias, entradas, títulos de transporte e, aos poucos, documentos. A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) xa permite acceder ao permiso de conducir de forma dixital, cunha validez legal plena. Pero o gran paso que falta por dar é a dixitalización do DNI e outros documentos de identidade.

O Plan de Identidade Dixital avanza a creación do DNI 4.0, que permitirá que nos poidamos identificar amosando un código QR no smartphone. Este código estará asinado electronicamente pola Policía, e será útil para realizar todo tipo de xestións oficiais, como abrir contas bancarias ou rexistrarse en hoteis.

A Comisión Europea vén de dar pasos para seguir avanzando nesta mesma liña, cunha proposta que busca dixitalizar o pasaporte e o DNI para facer máis fluídos e seguros os controis nas fronteiras exteriores da Unión Europea. Esta medida enmárcase no obxectivo de reducir a burocracia e axilizar os rexistros, facilitando os trámites fronteirizos ás cidadás europeas en viaxes fóra do espazo Schengen.

A creación dunha aplicación chamada EU Digital Travel, na que as usuarias poderán crear e almacenar versións dixitais do seus documentos de viaxes, servirá de marco común. Esta app permitirá verificar a autenticidade dos documentos e comparar a imaxe facial das usuarias coa fotografía almacenada no chip do documento oficial.

A proposta da Comisión non obrigará á cidadanía a empregar este sistema, pero os Estados membros deberán ofrecer esta opción gratuitamente a quen a solicite.

2030 como data límite para a súa aplicación

A intención da Comisión Europea é que a app EU Digital Travel estea en funcionamento en 2030 en todos os estados membros. Porén, os Estados terán a posibilidade de implantar o sistema antes se así o desexan. O obxectivo é crear un sistema común que poida ser utilizado en toda a Unión Europea, facilitando a mobilidade e reducindo os tempos de espera nos controis fronteirizos.

En calquera caso, para que esta proposta sexa unha realidade, será necesario que os vinteseis membros e o Parlamento Europeo negocien os detalles finais da norma e aproben a súa versión definitiva.

Sobre o autor

Reply