Dez anos de dominio “.gal”, con prezos especiais e novas iniciativas para facer visíbel a Galiza na rede

PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego “.gal” fai dez anos neste 2024. E para conmemorar esta efeméride, vén de anunciar novas actividades e unha campaña promocional para seguir conectando á comunidade galega á rede. Nesta campaña inclúense eventos, promocións especiais, descontos en rexistros de dominios, novas actividades culturais e unha imaxe de marca renovada.

Dez anos de consolidación e crecemento

Desde a súa posta en marcha, o dominio .gal rexistrou case 7.200 dominios activos e mantén unha taxa de renovación preto do 90%, consolidándose como unha ferramenta clave para visibilizar a cultura e a lingua galega na Internet. Este aniversario é unha oportunidade para reflexionar sobre o camiño percorrido e reafirmar o compromiso co crecemento dixital de Galiza.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, subliñou que “nestes dez anos, .gal axudou a construír unha Galiza máis cohesionada, a darlle visibilidade aos nosos recursos e a impulsar as TIC en galego, logrando que Galiza e a súa lingua sexan máis visíbeis no contexto global da internet”.

Menudo Domin10! e outras actividades no Culturgal

Unha das iniciativas máis destacadas deste aniversario é a campaña Menudo Domin10!, que ofrece ás usuarias a oportunidade de adquirir un dominio .gal por 10 € + IVE para dous anos. Esta promoción estará dispoñíbel entre o 27 de novembro de 2024 e o 3 de xaneiro de 2025, permitindo a máis galegas e galegos afortalar a súa presenza na rede co seu dominio propio.

Por outra banda, PuntoGal tamén organizou unha serie de actividades baixo o lema PuntoGal presenta, que se desenvolverán no marco do Culturgal o 30 de novembro en Pontevedra. Entre estas actividades destacan os concertos en directo de Caamaño & Ameixeiras e o proxecto Pava de Lucía Aldao; talleres de Lego en colaboración coa FIRSTLego League; Debuxantes en combate coa colaboración de Autobán e unha xornada profesional onde se abordarán os retos dixitais para Galiza, centrados na protección da lingua galega fronte ás grandes multinacionais tecnolóxicas.

No Culturgal, PuntoGal tamén disporá dun stand, onde ofrecerá información sobre os seus proxectos de apoio á cultura e tecnoloxía galegas, como o Museo do Videoxogo de Galiza ou o Museo do Pobo Galego.

O teu punto forte: nova imaxe de marca

Coincidindo co seu décimo aniversario, PuntoGal presenta tamén unha renovada imaxe de marca, desenvolvida pola axencia Lapera. Esta nova imaxe aposta por un logotipo máis fluído e dinámico, que reflicte a versatilidade e modernidade do dominio. O lema escollido, O teu punto forte, simboliza o papel de PuntoGal como un referente para todos aqueles que buscan identificarse con Galiza na rede.

O novo deseño é un reflexo da evolución e o crecemento do dominio, adaptándose ás novas tendencias sen perder de vista as súas raíces galegas. A nova imaxe xa está presente nas redes sociais e na páxina web de PuntoGal, e será implementada de forma progresiva en todos os ámbitos de actuación do dominio.

Compromiso co futuro da Galiza na Internet

PuntoGal continúa a súa misión de facer visíbel a Galiza no mundo dixital e promover o uso do galego na Internet. O seu director xeral, Darío Janeiro, destaca que “estes dez anos de .gal son unha proba do impacto positivo que o dominio tivo na creación de comunidade, visibilización cultural e desenvolvemento tecnolóxico en galego”.

Para seguir fomentando a inclusión dixital, PuntoGal tamén ofrece descontos especiais para entidades sen ánimo de lucro, que agora poden obter un dominio a prezos reducidos, contribuíndo así ao crecemento e fortalecemento da comunidade dixital galega.

Sobre o autor

Reply