Google segue a consolidarse como un dos grandes referentes no mundo dos smartphones co Pixel 9. Un dispositivo que chegou este verán (e acompañado do modelo Pro) coas espectativas moi altas despois do éxito das versións anteriores, e unha aposta clara -como non- pola intelixencia artificial (IA) (Gemini) para vitaminar un produto xa de por si atractivo.
Co seu foco posto na experiencia das usuarias e nas capacidades fotográficas, o Pixel 9 busca ofrecer un rendemento superior grazas á integración do novo chip de Google e un deseño máis refinado. Nesta review, realizaremos unha análise en profundidade deste novo modelo, pasando polos principais aspectos a destacar.
Deseño e acabados
O Pixel 9 mantén a liña estética que Google vén traballando nas últimas xeracións, pero con algúns cambios sutís que o fan destacar. O deseño minimalista e elegante segue a ser unha das marcas de identidade, combinando o vidro (protexido con Gorilla Victurs 2) co aluminio (100% reciclado), o que proporciona unha sensación premium na man.
Na parte traseira, destaca a barra horizontal para as cámaras, que xa é un signo distintivo da serie Pixel. Neste modelo, a integración mellorou, facendo que o módulo sobresaia menos, o que axuda a manter un perfil máis delgado e cómodo. En canto aos acabados, Google ofrece unha paleta de cores moderna e atractiva, apostando polo rosa, verde pastel, porcelana e negro obsidiana.
Os botóns sitúanse no lateral dereito, nunha posición superior o de acendido e por debaixo os controis de volume. Na parte inferior temos o conector USB-C, a bandexa para a tarxeta nanoSIM, o altofalante e un micrófono. E finalmente, na parte superior temos un segundo micrófono.
O Pixel 9 tamén mellora no apartado da ergonomía. A súa construción robusta, pero lixeira, fai que sexa cómodo de soster durante longos períodos de uso. Ademais, a resistencia ao pó e á auga co certificado IP68 garante que o dispostivo este preparado para calquera situación diaria sen comprometer a súa integridade.
Google continúa apostando por un deseño que equilibria funcionalidade e estilo, proporcionando un terminal atractivo tanto a nivel visual como no uso, sen sacrificar a durabilidade nin a usabilidade.
Hardware e rendemento
O Pixel 9 vén equipado cun conxunto de compoñentes de gama alta, sen chegar a ser os máis punteiros do mercado. No seu corazón atópase o procesador Google Tensor G4, deseñado pola propia Google e fabricado por Samsung. Trátase dun chip que destaca pola súa integración profunda coa intelixencia artificial, optimizando tarefas como o recoñecemento de imaxes, a tradución en tempo real e a eficiencia enerxética. Xunto a el, temos opcións 128 ou 256 GB de capacidade de memoria, en ambas configuracións con 12 GB de RAM.
Incorpora un coprocesador de seguridade, Titan M2, así como múltiples opcións de conectividade. En canto a WiFi, vén con WiFi 7 (2,4 GHz + 5 GHz + 6 GHz). Ademais inclúe Bluetooth 5.3 con dúas antenas e 5G Sub 6 GHz. Dispón tamén do sistema de alerta por satélite, se ben non funciona no noso país.
Con esta configuración, o Pixel 9 responde de forma impecábel no día a día. O seu rendemento é excelente, tanto en aplicacións esixentes -e aquí falamos principalmente de xogos- como en tarefas cotiás. A combinación de hardware e software optimizado permite que o dispositivo se manteña áxil en todo momento, sen lags nin ralentizacións. Os xogos e apps corren de forma suave, o que permite satisfacer as necesidades das usuarias máis esixentes.
Pantalla
Un dos puntos fortes do Pixel 9 é sen dúbida a súa pantalla. O dispositivo mantense nun tamaño contido de 6,3 polgadas e relación de aspecto 20:9. Trátase dun panel OLED con resolución FullHD+ 1080 x 2424 (422 ppp) e frecuencia de actualización fluída entre 60 e 120 Hz. O seu brillo acada un máximo de 2.700 nits, e 1.800 con HDR, tecnoloxía coa que tamén é compatíbel.
Non cabe dúbidas de que con estes datos na man, a pantalla é un dos puntos fortes deste Pixel 9. Un panel que se caracteríza polas súas cores vivas e nítidas, e tamén por uns negros profundos grazas á natureza da tecnoloxía OLED.
A frecuencia de actualización adaptábel fai que as animacións se vexan máis fluídas, ao tempo que optimiza o consumo de enerxía segundo o contido que se estea visualizando. Así, como xa temos visto noutros dispositivos que empregan unha tecnoloxía semellante, reduce os Hz en situacións nas que non se necesita (como a lectura) e os aumenta en tarefas que requiren maior suavidade, como os videoxogos. Iso si, é unha función que hai que activar.
O HDR proporciona un rango dinámico máis amplo, perfecto para visualizar contido multimedia das plataformas de streaming compatíbeis, e en canto ao brillo, tamén se sitúa á altura das espectativas. O panel acada niveis de brillo elevados, o que permite unha visibilidade excelente en exteriores. Ademais, a tecnoloxía Always-On Display permite que a información importante, a hora ou o calendario estean sempre visíbeis sen ter que acender a pantalla por completo.
Non menos importante é a sensibilidade adaptativa, que se pode configurar. Proporciona unha experiencia de usuario superior, unha resposta ao tacto máis completa e mellorando a experiencia cos dedos mollados.
A pantalla integra na parte superior frontal a cámara, e na parte inferior o lector de pegadas dixitais. Aquí hai unha novidade, xa que Google apostou por un sensor ultrasónico, sen que a priori notásemos moita diferenza (para ser xustas, deberíamos probar dous modelos ao tempo para comparar). O sensor funciona correctamente.
En definitiva, o Pixel 9 ofrece unha pantalla que cumpre cos estándares máis altos do mercado, tanto para usuarias que priorizan a calidade mutlimedia como para aquelas que buscan unha experiencia de uso fluída e cómoda en calquera circunstancia.
Cámara
O apartado fotográfico adoita ser un dos puntos de destaque da serie Pixel, e o Pixel 9 non ía ser a excepción. Google aposta por unha combinación de hardware de alta gama coa súa recoñecida integración de software baseado en intelixencia artificial (IA), elevando a experiencia fotográfica a novos niveis.
En termos técnicos, na parte traseira temos un sistema de cámara dual. O sensor principal é unha cámara gran angular Octa PD de 50 MP, con apertura f/1.68 e campo de visión de 82º. Compleméntase cun sensor ultra gran angular Quad PD de 48 MP con enfoque automático, apertura de f/1.7 e campo de visión de 123º. Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara para autorretratos Dual PD de 10,5 MP con enfoque automático, apertura f/2.2 e campo de visión ultra gran angular de 95º.
A experiencia de usuario coa cámara do Pixel 9 é simplemente excelente. Google continúa a mellorar a súa IA para ofrecer resultados sobresaíntes en diferentes escenarios. Tecnoloxías como Real Tone fan un gran traballo á hora de captar tons de pel máis fieis e naturais, un avance significativo na precisión respecto aos seus predecesores.
O tempo de procesado das imaxes en modo retrato reduciuse dasticamente, seguramente grazas ao uso do Tensor 4, mellorando a experiencia. Tamén mellora o recorte que fai das imaxes neste modo, conseguindo maior precisión entre as áreas enfocadas e as desenfocadas do fondo.
En canto ao uso da intelixencia artificial (IA), esta non se limita á captura de imaxes, senón que tamén está presente na edición. Funcións como Magic Eraser permiten eliminar obxectos ou persoas non desexadas nas fotos de forma sinxela, mentres que o Phono Unblur mellora significativamente fotos movidas ou desenfocadas.
Por último, a aplicación de cámara do Pixel 9 mantense sen apenas cambios. Unha interface intuitiva que ofrece acceso rápido aos principais modos, como o retrato, desprazamento en acción, exposición prolongada, engádeme (permite tomar fotos nos que saia todo o mundo), visión noctura e panorámica. Non esperemos atopar unha opción profesional que permita axustar todos os parámetros de forma manual, xa que esta opción segue a ser exclusiva do modelo “Pro”.
Software
O Pixel 9 chega co último sistema operativo de Google, Android 14, ofrecendo unha experiencia limpa, rápida e libre de capas innecesarias. É a mesma versión coa que chegaron os Pixel 8 / 8 Pro, dentro da nova estratexia da compañía de eliminar ese paralelismo entre lanzamento de terminais e nova versión de Android.
En calquera caso, unha das grandes vantaxes dos dispositivos Pixel é o acceso prioritario ás actualizacións de software e seguridade, o que asegura non só novas funcionalidades a medida que se lanzan, senón tamén unha maior protección fronte a posíbeis ameazas. As novidades en materia de intelixencia artificial, como a integración de Gemini, resulta totalmente natural. Pero é algo que todo parece indicar que será moito máis relevante cando reciba a actualización de Android 15, prevista -precisamente- para mañá.
Non todas as funcións están dispoñíbeis de forma universal, xa que Gemini Live só se pode usar en inglés USA, e Pixel Studio e Screenshots so chegan a mercados seleccionados. Estas dúas funcións permiten xerar imaxes e mellorar a organización das capturas de pantalla, respectivamente.
Conta, como todos os dispositivos Pixel, coa garantía de sete ano de actualizacións de software, incluíndo tanto as actualizacións do sistema operativo, as de seguridade e as Pixel Drops trimestrais que engaden funcións exclusivas que outros modelos de Android non reciben.
Batería
A duración da batería é un aspecto clave en calquera smartphone. O Pixel 9 inclúe unha batería de 4.700 mAh de capacidade, o que lle proporciona unha autonomía que supera as 24 horas, e que se pode extender notalmente mediante o modo de Aforro de Batería Extremo.
En condicións de uso mixto, que inclúe navegación web, uso de redes sociais, toma de fotografías e ver vídeos en streamign, o Pixel 9 é quen de ofrecer unha autonomía de 24 horas sen necesidade de recarga. Unha duración que se extenderá para usuarias que fagan un uso máis moderado do teléfono, xa que en condicións de pouco uso e en reposo o consumo é mínimo. Android 14 tamén xoga un papel importante na xestión da batería, aprendendo dos patróns de uso para limitar o consumo de enerxía de aplicacións que non se usan con frecuencia, estendendo a vida útil da batería.
Para aqueles momentos nos que estamos fóra da casa e sen acceso a un cargador, o modo de aforro de enerxía extremo reduce as funcións do teléfono ao mínimo necesario, permitindo a prolongación da batería durante moitas horas máis.
En canto á velocidade de carga, admite unha velocidade máxima de 45W mediante cable, e sen fíos (estándar Qi) de 18W. Isto permite carga algo máis da metada da capacidade da batería en 30 minutos. Tamén adquite carga sen fíos inversa, para poder cargar pequenos accedorios, como os Pixel Buds.
Conclusións
Como puidemos ver ao longo desta análise, o Pixel 9 reafírmase como un dos smartphone máis completos e equilibrados do mercado, ofrecendo unha combinación poderosa de hardware, software optimizado e innovación en intelixencia artificial. Google continúa na aposta por manter a súa identidade única con Android puro, funcionalidades exclusivas e unha experiencia de usuario pulida, sen a complexidade innecesaria de capas de personalización cargantes que empregan outros fabricantes.
A optimización en termos de deseño e a actualización de características técnicas fan do Pixel 9 unha exceleente elección para quen busca un dispositivo Android de alta gama compacto, e que combine rendemento, deseño atractivo e unha cámara de primeira.
O Pixel 9 pódese adquirir tanto a través da tenda oficial de Google como noutras tendas de distribución de dispositivos nas variantes de 128 e 256 GB. Custa 899 € na versión de 128 GB e 891 € na de 256 GB.