Os móbiles da Coruña e Arteixo soarán este martes nunha nova proba do sistema de avisos de emerxencia ES-Alert

Este martes, 15 de outubro, a Xunta de Galiza levará a cabo un simulacro de emerxencia nos concellos da Coruña e Arteixo, co obxectivo de poñer a proba o sistema ES-Alert. Este simulacro que estará coordinado pola Xunta en colaboración con Repsol e os concellos implicados, simulando un accidente nas instalacións industriais da factoría de Agrela-Bens.

O sistema ES-Alert, que xa foi probado por Protección Civil hai algún tempo, é unha ferramenta que permite enviar unha alerta masiva a todos os móbiles que se atopan na área afectada. Así, este martes, a partir das 10h as persoas presentes nos concellos da Coruña e Arteixo (e mesmo en zonas limítrofes de Oleiros, Culleredo, A Laracha e Carballo) recibirán unha mensaxe nos seus dispositivos que lles informará do simulacro.

Este sistema non se limita a informar da situación de emerxencia, senón que tamén activará un son e unha vibración no teléfono, mesmo se está en modo silencioso ou bloqueado. A proba do sistema ES-Alert busca, ademais de comprobar o seu funcionamento, familiarizar á poboación co seu uso en casos de emerxencia real. No contexto deste simulacro, as mensaxes que se envíen serán identificadas claramente como unha proba, e as destinatarias unicamente deberán premer en “Aceptar”, sen realizar outras accións.

A tecnoloxía ao servizo da xestión de emerxencias

O ES-Alert é unha innovación tecnolóxica que forma parte da Rede de Alerta Nacional do Ministerio do Interior. A súa capacidade para enviar mensaxes masivas e inmediatas marca un antes e un despois na maneira en que as autoridades poden comunicarse coa poboación en situacións de emerxencia. Un dos principais beneficios deste sistema é que asegura que as persoas na área afectada reciban a información necesaria de maneira instantánea, sen depender de aplicacións específicas ou conexión a Internet.

Este sistema xa foi probado en Galiza en 2022, pero agora busca perfeccionarse e ser implementado a maior escala. A posibilidade de emitir alertas mesmo con dispositivos bloqueados ou en silencio é un exemplo de como a tecnoloxía móbil pode salvar vidas, garantindo que as mensaxes cheguen ás persoas cando máis o precisan.

Sobre o autor

Reply