Google inicia o despregamento de Android 15 nos dispositivos Pixel

Android 15 xa está aquí. Tal e como estaba previsto, Google anunciou onte o inicio do despregamento da nova versión de Android. Unha actualización centrada principalmente na seguridade, con diversas ferramentas para axudar a protexer a información sensíbel persoal, financeira e de saúde fronte roubos e fraudes. Porén, as novidades inclúen tamén melloras para dispositivos de pantalla grande e tablets, entre outras.

Detección antirroubo, bloqueo de dispositivos e espazo privado

A ninguén se lle escapa que cada vez temos máis información sensíbel gardada nos nosos teléfonos, co que perdelo convértese nun pesadelo. A nova función de detección antirroubo emprega a intelixencia artificial (IA) para protexer o noso teléfono se alguén no lo intenta roubar.

Empregando aprendizaxe automático -con procesamento no propio dispositivo- e os sensores do teléfono é quen de analizar distintos sinais para detectar posíbeis intentos de roubo. E se o detecta mentres o teléfono está bloqueado, bloquea a pantalla ao instante.

Por outra banda, o bloqueo do dispositivo sen conexión protexe se un ladrón trata de desconectar o dispositivo da Internet para extraer datos ou para evitar que se faga un borrado remoto. Neste caso o funcionamento á máis básico, bloqueando a pantalla se detecta que está sen conexión.

Por último está unha nova forma de bloqueo remoto. Se perdemos ou nos rouban o teléfono, podemos entrar na web android.com/lock desde calquera dispositivo e bloquear o noso teléfono sen necesidade de acceder coas credenciais de Google. O único que se necesita é o teléfono de contacto verificado. Deste modo, bloquearemos o teléfono mentres o buscamos coa función de atopar o noso dispositivo.

Android 15 tamén proporciona un espazo privado que funciona como unha caixa forte dixital. Dentro dese espazo privado pódense incluír aplicacións sensíbeis. Cando se ten o espazo bloqueado, as apps dentro deste non aparecen na lista de aplicacións, nin na vista de apps recentes nin nas notificacións e axustes. Mesmo pode chegarse a ocultar a existencia do propio espazo privado.

Melloras para tablets e dispositivos encartábeis

Android 15 tamén ten novas funcións para mellorar a experiencia con tablets e dispositivos encartábeis. Entre estas melloras están a posibilidade de ancorar e desancorar a barra de tarefas, para personalizar o deseño e ter a man as aplicacións favoritas.

Tamén é novidade o emparellamento de aplicacións, moi apropiado para simplificar accións en multitarefa que fagamos habitualmente. Por exemplo, se empregamos Drive e Gmail, podemos arrastrar e soltar arquivos rapidamente entre as apps emparelladas.

Máis novidades de Android 15 e Pixel Drop

Android 15 tamén trae melloras na cámara, mensaxería e contrasinais:

  • O modo noite e os controis de cámara dan mellores resultados en condicións de baixa iluminación. Ademais, as apps de terceiros teñen agora un maior grao de control sobre a cámara, permitindo conseguir mellores resultados.
  • As apps de mensaxería inclúen agora a conectividade por satélite para poder enviar e recibir mensaxes sen necesidade de conexión móbil ou WiFi.
  • As aplicacións que empregan autenticación mediante passkeys permiten iniciar sesión cun só toque.

En canto á Pixel Drop, que inclúe novidades exclusivas para os dispositivos Pixel, a actualización de outubro trae unha serie de características pensadas para ampliar a utilidade asistida por IA, melloras na cámara e novas funcións de seguridade.

Os Pixel Buds actualízanse con acceso a Gemini en todos os modelos, mentres que os Pixel Watch reciben unha nova selección de emojis para responder ás notificacións de Gmail, un mosaico de contactos individuais para acceder rapidamente aos favoritos e frecuentes e a función de detección de ausencia de pulso, que chega por fin ao noso país.

Os teléfonos Pixel melloran a calidade dos vídeos illando sons co borrador máxico para audio, e tamén na fotografía e gravación de vídeo subacuática. Inclúese unha nova función de astrofotografía dentro de visión nocturna, e o uso da aplicación termómetro do Pixel 8 Pro conxuntamente coa cámara para conseguir temperarturas máis detalladas.

Por último, a Pixel Tablet inclúe unha transmisión fluída entre dispositivos, a posibilidade de xestionar as notificacións en todos os dispositivos e acceso doado aos controis dos dispositivos de domótica e a imaxes de cámara.

Dispoñibilidade de Android 15

Android 15 xa está sendo despregado nos dispositivos Pixel, polo que nas próximas horas ou días todos os dispositivos compatíbeis recibirán a notificación para actualizalo. En canto ao resto de fabricantes, a dispoñibilidade de Android 15 será gradual, chegando primeiro aos últimos lanzamentos ou modelos de referencia, conforme á política de actualizacións de cada fabricante.

Sobre o autor

No Responses

Reply