realme Note 60, un teléfono resistente cun prezo de lanzamento de 119 €

realme vén de anunciar un novo lanzamento no noso país. Trátase do realme Note 60, un dispositivo que chega cun prezo de lanzamento de 119 €, e que destaca pola súa tecnoloxía ArmorShell. Esta certificación garante unha resitencia superior a caídas, dobramentos e rabuñadas, ademais de cumprir co estándar IP64 de protección contra pó e auga.

Especificacións do realme Note 60

O novo realme Note 60 está equipado cun procesador UNISOC T512, e ofrece até 24 GB de RAM dinámica (combinando a 6 GB de RAM e a virtualización de até 16 GB de ROM) e 128 GB de memoria interna. A súa pantalla é un panel IPS LCD de 6,74 polgadas, con resolución 720 x 1600 píxeles e 450 nits de brillo.

A súa cámara principal é de 32 MP, cun único sensor, mentres que a frontal é unha cámara básica de 5 MP para cumprir cuns mínimos de autorretratos e videochamadas. A batería é de 5.000 mAh, que destaca pola súa durabilidade en repouso.

Porén, como xa avanzamos, o que fai diferente a este modelo é a súa protección ArmorShell. Trátase do primeiro dispositivo desta gama de prezos en contar con este sistema estrutural de alta resistencia, grazas a un marco metálico reforzado e á absorción de golpes. Con isto garántese unha durabilidade superior, pensando en usuarias que buscan un dispositivo resistente.

Dispoñibilidade e prezo do realme Note 60

O novo realme Note 60 xa está dispoñíbel por 119 € nunha única versión de 6 + 128 GB. Rematado o período promocional, non especificado, o seu prezo será de 139 €.

Sobre o autor

Reply