TCL, a recoñecida marca tecnolóxica polos seus televisores e tablets con tecnoloxía NXTVISION, vén de presentar a súa nova serie de produtos de conectividade no Broadband World Forum 2024, en París. Esta gama inclúe solución para todo tipo de usuarias e escenarios, desde conexións en interiores e exteriores até redes fixas e móbiles, adaptándose tanto a contornas residenciais como empresariais. Ademais, os novos dispositivos son compatíbeis coas últimas tecnoloxías 4G e 5G.
Conectividade 5G con intelixencia artificial
Entre as principais novidades atopamos o TCL LINKHUB 5G HH516, un dispositivo CPE 5G que integra funcións de intelixencia artificial (IA) para mellorar a experiencia das usuarias. Trátase dun produto que destaca polas súas velocidades de descarga de até 7 Gbps e a capacidade de xestionar 512 conexións simultáneas grazas ao Wi-Fi 7 de dobre banda. A Intelixencia Artificial (IA)tamén optimiza a rede, priorizando aplicacións e reducindo a latencia, mentres que o modo ECO axusta automaticamente o consumo de enerxía, prolongando a vida útil do dispositivo.
Outra gran novidade é o TCL LINKPORT IK511, o primeiro dongle USB 5G RedCap, un dispositivo ultracompacto que facilita a conexión móbil en calquera lugar. Con velocidades de até 220 Mbps e un peso de tan só 28,7 gramos, este produto supón un avance para a integración de redes 5G, ofrecendo unha opción de baixo custo para aquelas que desexen migrar do 4G ao 5G.
Conectividade para o fogar e solucións para exteriores
Para os fogares conectados, TCL presenta o TCL LINKBASE FG7720, un router que ofrece velocidades GPON ultrarrápidas e Wi-Fi 7 de ata 7,2 Gbps. Este dispositivo non só mellora a cobertura Wi-Fi en todo o fogar, senón que tamén está preparado para integrar solucións domóticas grazas á súa compatibilidade con Matter, ademais de ofrecer funcionalidades como VoIP, IPTV e aceleración de xogos.
E para aquelas persoas que precisan unha conexión en exteriores, o novo TCL LINKHUB 5G HH526 é unha proposta moi interesante. Con protección IP65 para soportar condicións climáticas extremas e unha antena de alta ganancia de 13dBi, este dispositivo asegura unha conexión 5G ultrarrápida en calquera contorna.
Dispoñibilidade dos novos dispositivos de TCL
Coa presentación desta nova gama de produtos de conectividade, TCL continúa ampliando o seu portfolio de solucións tanto en redes fixas como móbiles, facilitando a transición ao 5G e mellorando a conectividade en todo tipo de escenarios.
Malia ter sido presentados neste evento, os novos produtos de TCL estarán dispoñíbeis de forma global a partir de 2025.