Vimos de probar unha das últimas incorporacións de OPPO ao seu catálogo. Falamos do OPPO Reno12 Pro, anunciado o pasado mes de xuño. Unha proposta coa que o fabricante compite na gama media – alta cun dispositivo que destaca por un coidado deseño e unhas especificacións que prometen un rendemento fluído.
Ao longo deste artigo afondaremos nos principais aspectos que definen este terminal, partindo do seu deseño e pasando de camiño por todos os puntos claves.
Deseño e acabados
O Reno12 Pro destaca dende o primeiro contacto polo seu deseño elegante. OPPO apostou por un corpo metálico semicurvado, que non só mellora a sensación de agarre senón que tamén lle dá un toque premium e duradeiro que moitas usuarias agradecerán. O marco de metal lateral axuda a reforzar a sensación de robustez sen engadir algo de peso, nun teléfono que destaca por ser moi lixeiro.
A disposición dos módulos da cámara traseira mantén o estilo minimalista que vimos en anteriores modelos da marca, cunha protuberancia sutil pero ben integrada. A gama de cores dispoñibles inclúe unha opción en mate e outra brillantes, o que permite aos usuarios escoller segundo as súas preferencias estéticas. No modelo que probamos, o acabado simula o metal líquido fluíndo pola capa traseira, un efecto visual que se intensifica á luz do sol.

En termos de ergonomía, o Reno12 Pro sitúase como un terminal cómodo de usar no día a día. As curvas dos bordos facilitan o agarre, e os botóns están situados de xeito accesíbel no lateral dereito, nunha posición superioros controis de volume, e na inferior o botón de accendido. Na parte traseira do trebelo temos o conector USB-C e a bandexa da tarxeta SIM, xunto cun micrófono e altofalantes.
Outro aspecto a destacar é a protección contra pequenos accidentes domésticos, sendo resitente á auga. Así mesmo, tamén ofrece resistencia ao peso, segundo o fabricante equivalente a soportar ser atropelado por un vehículo de 3,2 toneladas se está boca abaixo (algo que, evidentemente, non probamos).
Hardware e rendemento
Baixo o capó, o Reno12 Pro vén equipado cun procesador MediaTek Dimensity 7300-Energy, que destaca pola súa eficiencia e potencia. Nas probas de rendemento, o dispositivo ofreceu unha experiencia fluída en multitarefa, sen sobrequecementos, mesmo durante algunha sesión de xogo intensivo ou ao ter moitas aplicacións abertas ao tempo.
A memoria RAM de 12 GB asegura que o cambio entre aplicacións se faga de maneira instantánea, e o almacenamento interno de 512 GB, aínda que non é ampliábel, é máis ca suficiente para non requirir espazo de almacenaxe adicional.
En termos de conectividade, inclúe 5G, Wi-Fi 6 e Bluetooth 5.4, o que o fai apto para as redes móbiles máis rápidas dispoñíbeis hoxe en día, garantindo velocidades de descarga e navegación moi elevadas. Tamén dispón de conectividade BeaconLink, que como xa vimos serve para mellorar a conectividade dos dispositivos en eventos masivos, como xa comentamos, aínda que esta funcionalidade non a puidemos probar.
Pantalla
Para a pantalla, OPPO optou por dotar ao Reno12 Pro dun panel 6,7 polgadas e tecnoloxía AMOLED flexíbel nos bordes, ofrecendo cores vibrantes e un nivel de brillo de 1200 nits Non é o terminal máis brillante dos que temos probado, pero compórtase de maneira correcta en exteriores. A súa resolución Full HD+ (2412 x 1080 píxeles) e a taxa de refresco de 120 Hz aseguran unha experiencia visual inmersiva, perfecta tanto para consumir contido multimedia como para xogar.
En termos de resposta táctil, a pantalla é moi precisa, e grazas á alta taxa de refresco, o desprazamento por aplicacións e redes sociais resulta extremadamente suave. Esta combinación de tecnoloxía AMOLED e 120 Hz coloca ao Reno12 Pro entre as mellores opcións de pantallas nesta gama de prezos.
Ademais, OPPO incluíu opcións de personalización do perfil de cor, polo que as usuarias poden axustar a tonalidade da pantalla segundo as súas preferencias.
Cámara
O sistema da cámara principal do Reno12 Pro está composto por un sensor principal de 50 MP con f/1.8, acompañado dun sensor gran angular de 8MP e un sensor telefono de 50 MP. Esta cámara destaca pola súa versatilidade, ofrecendo fotografías nítidas e ben definidas en condicións de boa luz. Tampouco se comporta mal en entornos pouco iluminados, conseguindo reducir o ruído visual, algo que non todos os dispositivos desta gama logran con efectividade.
Pola súa banda, a cámara forntal é un sensor integrado na pantalla de 50 MP, con f/2.0. Unha cámar moi competente que ofrece selfies con moito nivel de detalle e un efecto de desenfoque de fondo bastante natural grazas ao modo retrato.









Software
O Reno12 Pro vén equipado con ColorOS 14.1, a capa de personalización de OPPO baseada en Android 14. A interface é moi intuitiva, ofrecendo moitas opcións de personalización, desde temas até xestos de navegación, que permiten ás usuarias ir adaptando o teléfono ao seu estilo de uso.
Entre as vantaxes de ColorOS está a súa fluídez. Durante as probas, o sistema respondeu de forma rápida e sen lags, con animacións entre menús moi suaves. Entre as funcionalidades destacadas están File Dock ou as ferramentas asociadas á intelixencia artificial, como a posibilidade de resumir as gravacións de audio con AI Summary.
Neste apartado, o único “pero” que lle atopamos é a gran cantidade de aplicacións secundarias que veñen instaladas de fábrica, entre as que se inclúen minixogos (Bubble Pop, Collect Ball, Tile Match, Worm family, …) e outras como Amazon ou Booking. É certo que as podemos desinstalar, pero de primeiras xa temos que facer ese paso.
Batería
O Reno12 Pro conta cunha batería de 5000 mAh, que na maioría dos casos será suficiente para aguantar un día completo de uso . Nas probas, o dispositivo demostrou unha boa xestión enerxética, mesmo con uso intenso, grazas á eficiencia do procesador e á optimización do sistema operativo.
A tecnoloxía de carga rápida SuperVOOC de 80W permite cargar o dispositivo dende un 0 % até un 100 % en pouco máis de 45 minutos, unha característica que resulta moi práctica para aqueles que precisan unha carga rápida antes de saír de casa.
Conclusións
O OPPO Reno12 Pro é un dispositivo que consegue equilibrar deseño, rendemento e unha boa experiencia visual. Destaca especialmente pola calidade da súa pantalla AMOLED e as capacidades da cámara principal, que cumpren con creces en diversas situacións.
A súa interface, xunto coa boa xestión de batería e a opción de carga rápida, fan deste smartphone unha opción moi atractiva para aquelas usuarias que buscan un teléfono de gama media-alta con características premium.
O Reno12 Pro pódese adquirir na versión de 12 + 512 GB por 559 €, estando dispoñíbel tanto a través das tendas de dispositivos habituais como nalgúns operadores de telefonía móbil.