LG pon á venda no noso país o seu televisor “sen cabos”, o LG OLED Evo M4

LG vén de poñer á venda no noso país o seu novo televisor LG OLED Evo M4, un modelo que destaca por eliminar case todos os cabos -agás o de alimentación- grazas ao seu sistema Zero Connect Box. Está dispoñíbel en 65, 77, 83 e 97 polgadas, cun prezo de partida de 3.499 €.

Sen cabos á vista

Unha das principais peculiaridades do LG OLED Evo M4 é o seu sistema Zero Connect, semellante ao One Connect que ten Samsung, pero con conexión totalmente sen fíos. Isto permite que o televisor reciba todos os sinais sen precisar un cabo directamente conectado ao dispositivo principal, acadando unha estética máis limpa e organizada.

O Zero Connect Box pode estar situado nun punto máis discreto do habitáculo, onde poden tamén estar organizados todos os dispositivos adicionais que se lle conecten para completar a experiencia de ver a televisión.

A transmisión de vídeo faise sen fíos, sen empregar nin WiFi nin Bluetooth, empregando unha tecnoloxía propietaria de LG que emprega unha frecuencia máis alta. Esta transmisión faise en 4K e 144 Hz, e ten un alcance de 10 metros, sempre que non haxa grandes obstáculos entre os dispositivos.

Principais características da LG OLED Evo M4

Este novo modelo de LG ofrece unha resolución 4K cunha frecuencia de refresco de 144 Hz, o que fai que sexa un produto ideal tanto para desfrutar do cinema como para xogar a videoxogos. Ademais, é compatíbel con Dolby Vision, HDR10 e HLG, e inclúe o procesador Alpha 11 con intelixencia artificial, que mellora o escalado e a calidade visual. En canto ao son, o Dolby Atmos garante unha experiencia inmersiva.

Dispoñibilidade e prezo do LG OLED Evo M4

Como xa avanzamos, o LG OLED Evo M4 xa se pode adquirir no noso país, onde está dispoñíbel en catro tamaños: 65, 77, 83 e 97 polgadas. O prezo de partida é de 3.499 €.

Con estas características, o novo televisor de LG sitúase como unha excelente opción para quen busca un equipo de alta gama sen cabos á vista, e cun rendemento superior para todas as súas actividades audiovisuais.

Sobre o autor

Reply