SpaceX quere cambiar a órbita dos seus satélites Starlink para ofrecer máis velocidade e menor latencia

SpaceX vén de solicitar á Comisión Federal de Comunicacións de Estados Unidos (FCC) o permiso para modificar a órbita dos seus satélites Starlink. Malia que se trata de cambios sutís, poderían ter un impacto significativo nas velocidades de conexión a Internet e nas latencias, mellorando aínda máis o rendemento do seu servizo satelital.

Máis velocidade de conexión e menor latencia

A solicitude foi presentada o pasado 11 de outubro. Nela, SpaceX propón modificar a altitude nominal dos seus satélites da rede Gen2 NGSO, fundamental para ofrecer conexión á Internet en calquera parte do mundo.

O obxectivo principal desta modificación é aumentar as velocidades de conexión, que poderían chegar a 1 Gbps, multiplicando por catro a velocidade actual máxima, que ronda os 150 Mbps no seu plan estándar e 220 Mbps no servizo prioritario.

Ademais, estas modificacións tamén permitirían reducir aínda máis a latencia, situándoa entre os 25 e 60 ms, ou arredor de 100 ms en zonas moi remotas como o océano ou a Antártida.

Unha órbita máis baixa para unha maior eficiencia

Space X propón reducir a altitude dos satélites en aproximadamente un 8,5%. Isto non só melloraría o rendemento para as usuarias, senón que tamén contribuiría á sustentabilidade espacial. Segundo a compañía, unha órbita máis baixa reduciría o risco de colisións e permitiría unha desintegración máis rápida dos satélites ao final da súa vida útil.

Outro cambio solicitado inclúe modificar o ángulo de elevación mínimo, pasando de 25 a 20 graos, o que prolongaría o tempo de conexión entre os satélites e as estacións terrestres.

Competencia e desafíos

A pesares de que este cambio podería mellorar significativamente o servizo de Starlink, tamén xurdiron preocupacións por parte da competencia, como Amazon, que está a despregar o seu propio servizo de Internet por satélite. Ademais, algúns profesionais da astronomía temen que unha órbita máis baixa poida interferir con outras operacións espaciais, aínda que SpaceX asegura ter presentado probas para minimizar estas preocupacións.

De aceptar a FCC estas modificacións, Starlinks seguiría posicionándose como unha das mellores alternativas á fibra, especialmente en zonas rurais, onde as conexións a Internet seguen a ser un desafío.

Sobre o autor

Reply