O pasado 15 de outubro, Google anunciou Android 15, a última versión do seu sistema operativo, e xa comezou a chegar aos dispositivos Pixel compatíbeis. Como era de esperar, os fabricantes de smartphones non tardaron en adaptar as súas capas de personalización, e un dos primeiros en facelo foi OnePlus. Onte, a compañía confirmou a data de lanzamento de OxygenOS 15, a nova versión do seu sistema operativo, que estará dispoñíbel o 24 de outubro.
OxygenOS 15 baséase en Android 15, e OnePlus promete que será a versión máis rápida e intelixente até o momento. A marca, coñecida polo seu lema Never Settle, non só quere ofrecer potencia, senón tamén unha experiencia para as usuarias sen interrupcións. Para os modelos OnePlus, esta nova versión mellorará tanto o deseño visual -con animacións máis fluídas- como cunha interface que destaca pola súa sinxeleza e estilo único.
Velocidade, IA, personalización e produtividade: as claves de OxygenOS 15
O que máis destaca de OxygenOS 15 é a integración de tecnoloxía de Intelixencia Artificial (IA). OnePlus reconstruíu por completo as animacións de Android para facelas máis rápidas e fluidas, algo que xa é parte do ADN da marca, pero agora cunha dose extra de intelixencia. A IA non só optimiza o rendemento, senón que tamén fai máis fácil a multitarefa, ofrecendo un control personalizado en función do uso diario de cada usuaria.
Outro dos puntos fortes de OnePlus sempre foi a comunicación coa súa comunidade, e OxygenOS 15 non é unha excepción. Grazas ao feedback destas usuarias, a compañía introduciu novidades que melloran a produtividade, facendo que sexa máis doado realizar varias tarefas ao mesmo tempo. Ademais, a personalización segue a ser clave, permitindo que cada quen poida adaptar a súa experiencia segundo as súas preferencias.
Con OxygenOS 15, OnePlus quere demostrar que non se trata só de seguir o ritmo de Android 15, senón de ofrecer unha experiencia distinta, adaptada ás necesidades das usuarias actuais. O 24 de outubro, descubriremos se estas promesas se cumpren, pero todo apunta a que quen teña un dispositivo OnePlus terá moito que celebrar.