Os Galaxy S25 traerán poucas novidades no deseño

A espera para coñecer os Samsung Galaxy S25 está a piques de rematar, e as últimas filtracións xa revelaron detalles importantes sobre os novos móbiles insignia de Samsung, que -case con toda seguridade- serán presentados no mes de xaneiro de 2025. Grazas a varias unidades de proba, coñecemos información clave sobre o deseño dos tres modelos que formarán a gama: o Galaxy S25, o S25+ e o Galaxy S25 Ultra.

O usuario Mokesciu Skaiciuokle fíxose coas unidades de proba dos tres modelos, fabricadas en aluminio. Estes elementos son pezas que se empregan para coñecer o deseño e a ergonomía dos dispositivos antes de entrar na súa produción. E unha ferramenta para coñecer como vai ser o seu deseño.

Con isto podemos concluír que hai moi poucas novidades visíbeis. Samsung manterá a súa aposta polas tres cámaras traseiras independentes, sen a clásica “illa” que moitas outras marcas están a adoptar, e continuará co uso de bordos planos, unha característica que xerou debate nas últimas xeracións.

A principal diferenza que veremos nesta nova xeración é o grosor dos dispositivos. Samsung parece que traballou para ofrecer móbiles máis delgados e cómodos. O modelo estándar do Galaxy S25 terá un grosor de 7,25 mm, fronte aos 7,6 mm do S24. O Galaxy S25+ tamén será máis fino, con 7,35 mm en comparación cos 7,7 mm do seu predecesor. O Galaxy S25 Ultra verá un adelgazamento similar, pasando de 8,6 mm a 8,25 mm.

Este refinamento non só mellora o aspecto visual, senón que tamén contribúe a que os dispositivos sexan máis lixeiros e manexábeis, especialmente nas mans das usuarios que prefiren móbiles de grande tamaño pero con boa ergonomía.

O Galaxy S25 Ultra: o modelo máis distintivo

Entre os tres modelos, o Galaxy S25 Ultra é o que presenta máis cambios en comparación coas versións anteriores. Este ano, as súas esquinas serán máis redondeadas, achegándose ao deseño do resto da gama, pero mantendo unha curvatura menor que lle dá un aspecto máis “recto” e elegante. A pesar destes cambios, o Ultra seguirá a ser o modelo máis premium da serie, coas súas características avanzadas e un deseño que o fai recoñecíbel a primeira vista.

A medida que nos achegamos ao lanzamento oficial, as expectativas para a serie Galaxy S25 seguen a medrar. Coas melloras no deseño e unha maior atención á ergonomía, estes dispositivos prometen ofrecer unha experiencia completa e adaptada ás necesidades das usuarias máis esixentes do panorama Android.

Sobre o autor

Reply