Vivo anuncia o Vivo X200 Pro, centrado na fotografía móbil

Tal e como estaba previsto, Vivo anuncio o seu novo smartphone categorizándoo como “Camera Phone”. Trátase do Vivo X200 Pro, un modelo qu promete unha experiencia fotográfica superior grazas á colaboración coa prestixiosa óptica ZEISS e á tecnoloxía de iluminación avanzada Aura Light, permitindo capturar imaxes con calidade profesional en calquera situación.

O Vivo X200 Pro vén equipado cunha pantalla de 6,78 polgadas Full HD+ que incorpora calibración ZEISS, o que asegura cores máis precisas e imaxes máis definidas. Ademais, a tecnoloxía LTPO e unha taxa de refresco de 120 Hz garanten unha experiencia visual suave e inmersiva, perfecta tanto para xogos como para a visualización de contidos multimedia de alta calidade.

En canto ao rendemento, o procesador MediaTek Dimensity 9400 que impulsa o Vivo X200 Pro asegura unha operatividade rápida e eficiente. Está acompañado de 16 GB de memoria RAM e un almacenamento interno que chega até os 512 GB, proporcionando espazo suficiente para gardar unha gran cantidade de fotos, vídeos e aplicacións sen preocupacións.

Outro dos puntos fortes do Vivo X200 Pro é a súa batería de longa duración. Equipado cunha capacidade de 6.000 mAh, este dispositivo ofrece unha autonomía sólida durante todo o día. Ademais, a tecnoloxía de carga rápida de 90W asegura podermos recargar o noso smartphone en cuestión de minutos, mentres que a carga rápida sen fíos de 30W engade comodidade á experiencia.

A cámara como centro da experiencia

O sistema de cámaras é un dos grandes atractivos deste modelo. O sensor principal de 50 MP conta con estabilización óptica (OIS) e unha apertura de f/1.57, garantindo imaxes nítidas mesmo en movemento. A cámara periscópica de 200 MP con apertura f/2.67 permite capturar imaxes con gran detalle, mentres que o sensor ultra gran angular de 50 MP amplía o campo de visión, ideal para paisaxes e fotos de grupo.

Na parte frontal, o Vivo X200 Pro inclúe unha cámara de 32 MP, perfecta para selfies detallados e videoconferencias de alta calidade.

Vivo tamén destaca o comportamento deste modelo na captura de vídeo, coa posibilidade de gravación en 4K a 120 fps en modo cinematográfico a cámara lenta, gravación LOG de 10 bits en modo rango focal e vídeos HDR cinematográficos en retrato a contraluz. Con estas ferramentas, as usuarias poderán capturar detalles en escenas de movemento rápido -como deportes- e desfrutar de gran flexibilidade na gradación de cor durante a postprodución. A capacidade de gravación de retrato en 4K HDR garante que as persoas poidan permanecer claras e detalladas, mesmo en condicións de iluminación difíciles.

Android 15 e o último en conectividade

No apartado do software, o sistema operativo Android 15, personalizado por Vivo, ofrece unha experiencia fluída e intuitiva.

E para garantir unha conectividade de última xeración, o Vivo X200 Pro vén preparado con WiFi 6E, WiFi 7, 5G SA/NSA, e Bluetooth 5.4, asegurando compatibilidade coas redes máis rápidas e avanzadas.

Dispoñibilidade e prezo do Vivo X200 Pro

Vivo confirmou que o X200 Pro chegará a Europa “pouco despois” de aterrar no mercado chinés, se ben os detalles do lanzamento aínda non se fixeron públicos.

Tamén avanzan desde o fabricante que é posíbel que as especificacións veñan con lixerios cambios para adaptarse ao mercado europeo.

Sobre o autor

No Responses

Reply