A Asociación de Internautas (AI) vén de publicar o seu Estudo sobre a calidade da banda larga en España 2024, e Movistar volve destacar como o mellor operador en canto a banda larga fixa (BLF) e móbil (BLM). Esta consolidación na primeira posición reflicte a súa capacidade para ofrecer servizos de alta calidade tanto en conectividade no fogar como en dispositivos móbiles.
Este informe anual da AI analiza o rendemento das principais compañías de telecomunicacións no Estado español, avaliando factores como a velocidade de conexión, a cobertura e a satisfacción das usuarias.
Movistar, a operadora máis fiábel
Movistar conseguiu 8,71 puntos en banda larga fixa e 7,80 puntos en banda larga móbil, destacando pola súa baixa taxa de avarías, situada no 0,17%. Ademais, os tempos de reparación resultan relativamente rápidos, cunha media de 46,4 horas.
Con estes datos, Movistar sitúase moi por riba dos seus competidores, sendo recoñecido por ofrecer unha conexión estábel e de alta velocidade, tanto en fogares como en dispositivos móbiles.
Os mellor e os peor valorados
A peor nota lévaa Vodafone, que ten a media máis baixa (6,05) e resulta o peor valorado en banda larga móbil, con 5,48 puntos. O seu tempo de reparación é elevado e ten un alto volume de reclamacións (6,60), o que multiplica por máis de 14 as de Euskaltel, o operador con menos reclamacións (0,46).
Másmovil sitúase no último lugar en banda larga fixa, con 6,18 puntos, e destaca negativamente polos longos tempos de reparación, que superan os 5 días (124,64 horas).
Euskaltel, tras a actualización da súa rede para ofrecer velocidades simétricas, consegue mellorar a súa puntuación en banda larga fixa, con 8,07 puntos, e se coroa como un dos operadores con menos reclamacións do mercado español.
Velocidades de banda larga fixa e móbil
En canto á velocidade da banda larga fixa, todos os operadores superan o 95% do caudal de descarga comprometido agás Vodafone (89%) e Digi (92%). Se falamos de velocidade en sentido ascendente, todos os operadores se sitúan por riba do 95% do caudal ofrecido, agás R (94,78%) e Digi (91%).
Se falamos de banda larga móbil, os caudais de descarga non chegan ao 40% do contratado en ningún operador. As compañías do Grupo Másmovil e Digi sitúanse por baixo do 30%, colleitando os peores resultados. En subida, Másmovil acada un 69%, Movistar un 66%, Vodafone e Orange superan o 45% e Digi queda na última posición cun 41%.
A necesidade de avanzar cara a plena conectividade
A Asociación de Internautas recalca a necesidade de avanzar cara á plena conectividade de alta velocidade en todo o territorio, incluíndo as zonas rurais. Tecnoloxías como a fibra óptica e o 5G son clave para reducir a fenda dixital e mellorar a cohesión social e territorial en España.
Datos que hai que tomar con certa cautela
Aínda que o Estudo sobre a calidade da banda larga en España de 2024 ofrece unha visión valiosa sobre o rendemento dos operadores, é importante tomar estes datos con certa cautela. Un aspecto que chama a atención é que algúns operadores que comparten toda a estrutura de rede obteñen resultados notablemente dispares. Este feito suxire que, a pesar de empregar infraestruturas similares, a calidade do servizo final pode depender de outros factores como a xestión interna, o mantemento e a atención ao cliente.
Ademais, as condicións locais, o tipo de contrato que cada operador ten coa propietaria da rede e a eficiencia na resolución de avarías tamén poden influír nas experiencias das usuarios. Polo tanto, aínda que este tipo de estudos proporcionan unha referencia útil para os consumidores, convén considerar que as diferenzas nos resultados entre operadores con acceso ás mesmas redes poden non ser tan grandes na práctica como parecen nos datos.