Qualcomm vén de anunciar novo procesador, o Qualcoom Snapdragon 8 Elite. Trátase do chip máis avanzando anunciado polo fabricante até o de agora, que destaca por situarse tamén como o máis avanzado do mercado, por riba dos Apple A18 Pro e o MediaTek Dimensity 9400.
O novo procesador de Qualcomm conta cunha configuración de oito núcleos, dos cales dous acadan os 4,32 GHz, e os outros seis até 3,53 GHz. Isto supón contar con oito núcleos centrados en alto rendemento, o que fixo que superase a puntuación de 3.000.000 en AnTuTu.
Está fabricado coa tecnoloxía de 3 mm, e equipado co modem Snapdragon X80 5G. Dispón de conectividade FastConnect 7900, sendo compatíbel con WiFi 7 e as bandas de 6, 5 e 2,4 GHz; Bluetooth 5.4 e 5G Sub 6 GHz. Tamén admite sensores fotográficos de até 320 MP e gravación en 8K 60p de 10 bits, así como pantallas QHD+ con taxas de refresco de 1 a 240 Hz.
Ademais de todas estas características xa de por si interesantes, Qualcomm asegura que o novo procesador é un 45% máis potente ca a xeración anterior e un 44% máis eficiente, o que supón un dos maiores saltos xeracionais da historia do fabricante.
Dispoñibilidade do novo Qualcomm Snapdragon 8 Elite
O novo procesador chegará cos móbiles de gama alta de finais deste ano e comezos de 2025. Un dos primeiros dispositivos en incluílo será o Xiaomi 15, que se lanzará a finais deste mes de outubro. Posteriormente chegará a dispositivos de Asus, Honor, OPPO, Realme, Samsung e Vivo.