Motorola reforza a súa oferta para empresas con smartphones, software e solucións avanzadas de seguridade

Motorola ampliou o seu catálogo de dispositivos empresariais co lanzamento dos novos ThinkPhone25, moto g75 5G business edition e motorola edge 50 pro business edition. Dous modelos que forman parte da liña moto business edition, deseñada especificamente para satisfacer as crecentes necesidades de seguridade e conectividade no mundo empresarial.

Dispositivos robustos e seguros

O ThinkPhone25 destaca pola súa durabilidade, con materiais de última xeración como o Gorilla Glass 7i e fibra de aramida, superando os estándares militares de resistencia. Ademais, conta cunha potente batería que ofrece até 34 horas de uso continuo e garante actualizacións de Android ata 2029, o que o converte nunha opción sólida para contornas laborais esixentes.

O moto g75 5G business edition, coa plataforma móbil Snapdragon 6 Gen 3, preséntase como unha opción ideal para empresas que buscan equilibrio entre rendemento e custe. A súa cámara de alta resolución con estabilización óptica e os seis anos de actualizacións de seguridade sitúano como unha ferramenta a longo prazo para as compañías.

Software empresarial e seguridade avanzada

Ademais do hardware, Motorola reforzou as súas solucións de software con ferramentas como o Moto Device Manager e o Zero Touch Management, que permiten aos departamentos de IT xestionar dispositivos de forma remota e poñer en marcha múltiples unidades á vez. Para maior seguridade, o paquete Moto Safe ofrece protección avanzada, incluíndo a capacidade de desactivar dispositivos roubados ou perdidos a nivel de firmware.

Todos os dispositivos desta liña veñen equipados co sistema Moto Secure, que utiliza intelixencia artificial para protexer datos sensibles, detectando ameazas de malware e phishing de forma automática. Ademais, a integración con ThinkShield engade unha capa extra de protección fronte ás ciberameazas máis comúns no ámbito empresarial.

Máis aló das ferramentas propias, Motorola tamén colaborou con Microsoft para que as usuarias empresariais poden integrar os seus smartphones con Windows 365, permitindo unha transición fluída entre dispositivos. Ademais, o sistema Smart Connect facilita a interacción entre smartphones, tablets e PCs cun único teclado e rato.

Dispoñibilidade dos novos dispositivos empresariais de Motorola

Os novos ThinkPhone25 e moto g75 5G business edition estarán dispoñíbeis proximamente no noso país para o mercado empresarial, ofrecendo ás empresas unha solución completa para mellorar a súa infraestrutura tecnolóxica e de seguridade.

Sobre o autor

Reply