A medida que a tecnoloxía eSIM (SIM virtual) vai gañando terreo, cada vez máis persoas están a optar por utilizar plans que se basean nesta nova modalidade. Esta tecnoloxía non só evita ter que andar cambiando tarxetas físicas, que poden chegar a perderse, senón que ten outras vantaxes asociadas, especialmente nas viaxes. Así, se saímos da zona Euro, empregando unha tarxeta eSIM poderemos acceder a plans con mellores prezos para seguir conectadas. Porén, que pasa se o noso teléfono non é compatíbel coa tarxeta eSIM? Afortunadamente, hai adaptadores eSIM.
A eSIM non é máis ca unha tarxeta SIM preinstalada dentro do dispositivo, que permite cambiar de operador de maneira remota, sen necesidade de intercambiar tarxetas físicas. Basicamente, é un chip UICC (Tarxeta de Circuito Integrado Universal) que, a diferenza das SIM tradicionais, permite sobrescribir os datos e instalar novos perfís de diferentes operadores.
Aínda que moitos smartphones modernos, tanto Android (especialmente nas gamas máis altas) como iPhone, xa son compatíbeis con esta tecnoloxía, existen teléfonos que non teñen o compoñente necesario para soportala. Se este é o teu caso, a solución pasa por adquirir un adaptador eSIM, que che permitirá gozar das vantaxes desta tecnoloxía, mesmo sen que o teu móbil sexa compatible de fábrica.
Estes adaptadores non son aínda moi coñecidos, pero empresas como JMP, eSIM.me ou 5ber ofrecen este servizo. Trátase dunha tarxeta semellante a unha SIM física, pero que ten a capacidade de conectarse a calquera operador que ofreza plans eSIM.
O funcionamento destes adaptadores é sinxelo. Unha vez que se insire no noso móbil xa poderemos configurar o plan eSIM a través de apps que proporcionan os fabricantes de adaptadores. Con isto, estaremos en disposición de desfrutar desta utilidade.
Compatibilidade dos adaptadores eSIM
É importante sinalar que antes de mercar un adaptador deste tipo debemos asegurarnos de que o noso móbil sexa compatíbel con OMAPI (Open Mobile API), algo que é necesario para que o teléfono poida transferir os datos á tarxeta.
Se o noso dispositivo non é compatíbel, o adaptador non funcionará. Por sorte, os fabricantes destes adaptadores dispoñen nas súas páxinas web de listados de dispositivos compatíbeis.