Aforra en voos grazas á nova función de Google Flights: así atoparás billetes máis baratos

Google continúa mellorando a experiencia de viaxe para as usuarias, e agora facilita aínda máis atopar os voos máis baratos a través da súa plataforma Google Flights. A nova actualización, que estará dispoñíbel no noso país nunhas semanas, introduce unha pestana especial que permitirá aforrar nos billetes de avión, proporcionando unha ferramenta máis eficiente para organizar as viaxes.

A novidade principal desta pestana é que amosa as opcións máis económicas de voos dispoñíbeis. Agora, ao seleccionar as datas para saír ou volver, o buscador presenta unha vista co prezo medio do billete para o día escollido. Esta opción axuda a identificar de forma rápida cales son os días ou semanas nos que viaxar sae máis barato.

Google tamén engadiu un botón de busca con dúas opcións: “Mellores” e “Máis baratos”. Isto significa que, ademais de poder elixir o voo máis rápido ou directo, as usuarias tamén terán a oportunidade de seleccionar a opción máis económica, incluíndo rutas que poden ser menos convencionais, pero ofrecen importantes aforros.

Opcións de rutas creativas

Ademais das opcións tradicionais, Google Flights agora inclúe o que chama “rutas creativas”. Estas rutas son aquelas que poden implicar facer varias escalas ou utilizar diferentes compañías aéreas, o que se coñece como “self transfer”. Aínda que poden supor máis tempo de viaxe ou menor marxe entre conexións, permiten aforrar unha cantidade considerable de diñeiro.

Esta función, novidosa no buscador, non o é tanto na rede, onde existen varias páxinas que xa ofrecen este servizo. En calquera caso, é unha novidade que chega no momento perfecto para comezar a planificar as vacacións do próximo ano ou mesmo para preparar escapadas a curto prazo.

Sobre o autor

Reply