Netflix está a celebrar un terceiro trimestre de récord, acadando 282,72 millóns de subscritoras tras sumar 5,1 millóns de novas usuarias, superando todas as expectativas. Porén, este crecemento non implica boas novas para as consumidoras no noso páis nin en Italia, onde a plataforma acaba de incrementar de forma significativa as tarifas nas súas tres modalidades de subscrición.
O plan estándar sube un euro, de 12,99 a 13,99 euros ao mes; a tarifa estándar con anuncios pasa de 5,49 a 6,99 euros (1,50 €), e a tarifa premium, que inclúe visualización en 4K, encarece dous euros, chegando agora a 19,99 euros. Para as usuarias adicionais en cada plan, o custe mantense en 5,99 euros por persoa que accede á conta desde fóra do fogar principal.
As características de cada plan non cambian. A tarifa con anuncios permite ver contidos en dous dispositivos en Full HD 1080p, pero con publicidade. A estándar sen anuncios ofrece as mesmas vantaxes pero sen interrupcións publicitarias, mentres que a premium permite ver contidos en 4 dispositivos con resolución 4K, descarga en ata seis dispositivos e audio espacial.
Desde 2021, Netflix non realizara unha suba nas tarifas, pero neste tempo implementou medidas para monetizar cada usuario, como a prohibición de compartir contas entre diferentes fogares e a eliminación da tarifa básica, que era a opción máis económica sen publicidade. Con esta nova estratexia, a compañía liderada por Ted Sarandos continúa o seu enfoque en maximizar a rendibilidade e manter a súa posición como líder do sector fronte a outras plataformas como Max e Disney+.